CULTURA

Últimos días para da mostra "Xulio Maside"

29/01/2015 A exposición Xulio Maside, que se pode ver actualmente no Auditorio de Galicia, pecha as súas portas o domingo, 8 de febreiro. Está aberta ao público todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e, como vén sendo habitual, pódense solicitar visitas guiadas previa reserva no teléfono 981 574 152 ou 981 574 153. Con esta mostra, o Auditorio de Galicia reivindica a figura deste artista, imprescindible na vida artística e cultural de Santiago de Compostela.

Aínda que nacido en Vigo en 1933, Xulio Maside vive en Compostela, na casa familiar da Rúa do Vilar. Sendo neno alí convive con Carlos Maside, o se tío e figura imprescindible da arte. Seguro que de aí nace a súa inquietude e curiosidade pola arte.

En palabras da comisaria Mercedes Rozas, "tal vez Xulio non pensase nunca en seren pintor de non ser pola imaxe tan próxima de quen foi adalid da vangarda en Galicia (Carlos Maside, de quen é sobriño), o peso daquela personalidade que terminou, como demostra unha carta de Luís Seoane do ano 1967, en converter a Xulio en intermediario testemuñal co exilio americano. Sen dúbida, o ámbito en que transcorreu a súa infancia e mocidade tivo que suscitar nel a curiosidade pola arte e a súa disposición a ser pintor, se ben é certo que, estilisticamente falando, a autoridade familiar unicamente se deixa sentir nos tenteos esbozados nas primeiras paisaxes. Axiña, a firmeza de despegarse de concepcións tradicionais e a vontade de despoxarse, fundamentalmente a través do debuxo, de todo aquilo que sobra, sintetizando e laminando personaxes e obxectos, constitúe a armazón dunha pintura que se mexe formalmente entre filiacións aparentemente contrapostas: a figuración e a abstracción. Digo aparentemente contrapostas, porque en realidade ambas as dúas se confabulan, ao longo de sucesivas etapas, nunha estratexia cadenciosa.

Este proxecto recala no Auditorio de Galicia articulado nunha retrospectiva que arrinca nos anos sesenta con obras en papel de iniciación para deterse con precisión nas décadas seguintes, as dos setenta e oitenta, anos claves na súa traxectoria, período, igualmente, da constitución do Grupo Nome xunto aos tamén artistas Pardiñas, Bibián, Morquecho, Anselmo Lamela, María Xosé Díaz e Quintana Martelo, de proxectos individuais na galería Citania e na feira de Arco, da súa participación en colectivas como Imaxes da memoria en Bonaval e a Mostra que trata do Spagna en Milán e Turín. Foron momentos decisivos na súa carreira, recollidos con entusiasmo pola prensa. O percorrido detense en varias pezas dos noventa, entre elas algunhas das que mostrou nunha das exposicións máis relevantes da súa carreira no Museo Kreís Bad Essen de Alemaña, e finaliza coas máis recentes creacións realizadas polo autor vigués, arraigado de pleno en Compostela".

Compartir: