CONSORCIO

O Consorcio promove a rehabilitación de elementos especiais de madeira e de reixas en 17 inmobles da cidade histórica

28/01/2015 O Consorcio de Santiago está a destinar un total de 77.081,63 euros en axudas para a rehabilitación de carpinterías de madeira e reixas en inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Acaban de comezar varias das obras, que se van levar a cabo en 17 inmobles, cunha media de 4.535 euros de axuda por intervención. Con esta iniciativa búscase optimizar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, ademais de mellorar o seu illamento acústico fronte ao ruído aéreo da rúa.

A través destas axudas preténdese fomentar a rehabilitación, restauración ou reposición daqueles elementos especiais e de interese arquitectónico de madeira como galerías, ventás e portas de entrada aos edificios; e promover a restauración das reixas e pezas de ferro existentes en portais, ventás e balcóns. Tamén se inclúe a reparación das pedras de soporte deterioradas e das unións aos muros por medio de enchumbados.

Inmobles con máis de 20 anos de antigüidade
Estas subvencións do Consorcio diríxense a persoas propietarias, arrendatarias ou a aquelas que ostentan algún dereito de uso sobre os inmobles; así como ás comunidades de propietarios. Os inmobles beneficiados reúnen as condicións suficientes de seguridade estrutural e teñen unha antigüidade superior aos 20 anos.

Á hora de conceder estas subvencións primouse a incorporación de novos solicitantes, así como a superficie en metros cadrados de carpinterías de madeira ou de reixas. Tamén se valorou o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do edificio ou vivenda e dos elementos singulares sobre os que se vai actuar. E, por último, deuse preferencia aos inmobles destinados a vivenda e con ocupación permanente.

Os inmobles beneficiados distribúense por diferentes espazos integrados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Trátase da Rúa do Medio, Rúa Nova, Acibechería, Rúa do Vilar, Casas Reais, Castrón Douro, As Rodas, San Pedro, Raxoi, Trindade, As Ameas, Praza de San Martiño, Carreira do Conde e Rosalía de Castro.

Compartir: