ALCALDÍA

O alcalde enmarca a presenza en Fitur na estratexia de incremento do turismo foráneo e de recuperación do doméstico para 2015

27/01/2015 O alcalde da cidade, Agustín Hernández, presentou o programa da participación de Santiago en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro. As actividades, que inclúen reunión profesionais e a presentación de diversos productos, enmárcanse na estratexia de Turismo de Santiago de seguir medrando na captación de turismo estranxeiro e na recuperación das cifras do turismo doméstico. As presentacións promocionais realizaranse este xoves 29 de xaneiro.

Agustín Hernández lembrou que o ano 2014 "foi o da recuperación turística de Santiago. Alcanzamos 1.165.000 pernoctacións, segundo os datos do INE, a mellor cifra dende o último Ano Santo. Este resultado foi posible grazas a que o turismo internacional continuou crecendo, marcando o terceiro récord consecutivo, con 478.000 pernoctacións, e grazas tamén á recuperación do turismo doméstico, que creceu un 4,58% ata chegar ás 685.000".

Con estes datos positivos no horizonte próximo, o alcalde reafirmou a súa confianza nas posibilidades turística de Santiago e a intención de seguir crecendo en 2015, cun obxectivo: superar por primeira vez na historia a cifra de 1.200.000 pernoctacións nun ano non Xacobeo.

Para conseguir este obxectivo, marcou dúas metas: dúas metas: continuar crecendo no turismo foráneo e chegar por primeira vez ao medio millón de pernoctacións; e aproveitar a recuperación da economía española e superar as 700.000 pernoctacións domésticas.

Reunións profesionais
Nestes obxectivos estratéxicos enmarcou o alcalde a presenza de Santiago de Compostela en Fitur. A mesma inclúe unha axenda de reunións con profesionais do sector, como as previstas con responsables de Oficinas Españolas de Turismo (OETs), touroperadores e axentes de viaxes.

"O obxectivo neste ámbito é claro: promocionar a cidade principalmente naqueles destinos nos que contamos con conexións áreas directas. Así, manteremos reunións cos responsables das OETs de Munich, Berlín, Roma, Milán, París, Zurich e Londres", apuntou Agustín Hernández. Tamén se continuará coa promoción no mercado estadounidense, que xa é o terceiro con maior número de pernoctacións na cidade e peregrinos, só por detrás de Italia e Alemaña. Así, manteranse xuntanzas cos responsables das OETs de Nova York e Chicago.

Ademais, haberá contactos con diferentes intermediarios de mercados interesantes para a cidade, como Bélxica, Polonia, Brasil ou Xapón, entre outros.

Cidades Patrimonio e Turkish Airlines
Outra das actividades en Fitur será a participación na Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio, na que se aprobarán catro importantes acordos para a promoción das cidades integrantes en colaboración con diferentes entidades e empresas: Turespaña, Paradores, Renfe e Iberia.

Fitur tamén será o marco no que se firme un ano máis un convenio con Turkish Airlines. "Será o terceiro ano consecutivo no que asinamos un convenio de colaboración coa compañía turca en Fitur. O convenio, sen ningún tipo de contrapartida económica, ten como obxectivo promocionar Santiago de xeito conxunto na rede de países onde opera a compañía aérea, especialmente os mercados asiáticos máis interesantes para a cidade, como Xapón ou Corea do Sur", explicou o rexedor municipal.

"Para nós –engadiu- a sinatura deste convenio por terceiro ano é unha mostra do compromiso de Turkish Airlines con Santiago e da nosa confianza mutua. O ano pasado, a ruta Estambul Santiago tivo 33.349 pasaxeiros, fronte aos 19.534 do 2013, cando comezou a operar en maio. O obxectivo é que esta conexión continúe crecendo neste 2015 para consolidarse definitivamente en Santiago como unha porta de entrada do turismo asiático".

Presentación de Área Santiago e do Past View Santiago
A Feira de Turismo Internacional tamén acollerá unha presentación de Área Santiago, amosando a súa ampla e diversa oferta turística, pero tamén afondando nas tres principais liñas de acción para 2015: fomento do turismo de pesca; impulso á creación de excursións e paquetes turísticos polos concellos do grupo; e fomento do turismo gastronómico.

Ademais, en Madrid presentarase o proxecto Past View Santiago, un novo dispositivo que permitirá ao visitante a Santiago internarse no pasado da cidade a través de reconstrucións virtuais e realidade aumentada. Tal como explicou o alcalde, "as imaxes non serán simplemente recreacións arquitectónicas, senón que serán lugares cheos de vida, con personaxes da época. As gafas irán conectadas a un smartphone, onde o software permitirá ao usuario acceder a contidos adicionais, como información de monumentos, galería de imaxes, realidade aumentada ou locucións".

Este proxecto, dispoñible na vindeira temporada de verán, nace da colaboración entre Turismo de Santiago e o Departamento de Innovación do Concello.

Compostela Gastronómica
Co obxectivo de converter a Compostela Gastronómica nunha marca permanente, nun xeito de identificar a Santiago como un destino gastronómico de primeiro nivel, en Fitur tamén se darán a coñecer algunhas pinceladas da vindeira edición deste evento, que se celebrará a mediados de abril.

Será unha boa ocasión para presentar unha mostra da excelente gastronomía da cidade. "Para isto, contaremos coa presencia de dous dos mellores expoñentes da nosa cociña, que ofrecerán aos asistentes unha proba das súas creacións. Os cociñeiros serán Siro González, do Caney, e Lucía Freitas, da Tafona do Peregrino, anunciou Agustín Hernández, dando paso a estes dous cociñeiros, presentes na rolda de prensa xunto coa concelleira de Turismo, Reyes Leis.

Lembrou o alcalde que Siro González xa participara na exitosa presentación de Compostela Gastronómica realizada en Madrid a comezos de setembro, con Pepe Solla e Alén Tarrío. Sobre Lucía Freitas indicou que "é un dos valores máis puxantes da nosa gastronomía. Así, a semana pasada converteuse na segunda muller que entra a formar parte do Grupo Nove e, tamén a semana pasada, obtivo o premio a Mellor Tapa de Santiago(é)Tapas". "Para nós é un orgullo que ambos nos acompañen a Madrid e presenten en Fitur as súas creacións", concluíu.

Compartir: