CULTURA

Música clásica, tradicional, teatro e humor no programa cultural para esta fin de semana

23/01/2015 O programa cultural desta fin de semana ofrece cinco propostas que xiran arredor da música clásica, a tradicional, o teatro e o humor. Na xornada do sábado teremos ás 18:30 horas, no Auditorio de Galicia, concerto coa Real Filharmonía de Galicia no ciclo Infantil & Familiar; ás 20:30 horas, Pandeiromus presenta o seu novo disco no Teatro Principal, enmarcado en Sons’15 e, ás 21:00 horas, chega ao Auditorio Abanca e dentro do ciclo Teatro 2015, El nombre de la rosa. O domingo, ás 12:00 horas, no Principal haberá concerto da Banda Municipal de Música e, ás 20:00 horas, no Principal, Os 7 Magníficos máis 1 presentan Bivalvos como galegos no ciclo Falabaratos.

O director Manuel Hernández Silva e a Real Filharmonía de Galicia achegarán a nenos e familias a obra do compositor Robert Schumann, un compositor que para moitos constitúe a máxima expresión da natureza do Romanticismo, sempre envolta entre o drama, a alegría e a paixón. A composición seleccionada de Schumann é a cuarta e última sinfonía, unha obra que supón a culminación da obra sinfónica dun dos grandes mestres románticos e da historia da música

Pandeiromus presenta Teño días
Nado en Compostela en 1992, Pandeiromus dedícase á investigación e interpretación da música galega de tradición oral e por momentos foron o único grupo masculino de pandereteiros. En 2007, Pandeiromus decide dar un paso adiante e volver aos escenarios para reinterpretar o seu antigo repertorio melódico mesturado con letras de poetas como Sechu Sende ou Xabier Picallo. Agora presentan o seu disco Teño días, primeira entrega da triloxía Teño días, teño noites.

El nombre de la rosa
El nombre de la rosa (1980) é a primeira novela do italiano Umberto Eco, quen confesa que a escribiu ao descubrir, en idade madura "aquilo" sobre o cal non se pode teorizar, "aquilo" que hai que narrar. O que narra o autor son as peripecias de frei Guillermo de Baskerville e o seu alumno, Adso de Melk, mentres tratan de desentrañar unha serie de estrañas mortes que se suceden nunha abadía beneditina no século XIV... peripecias que tanto éxito tiveron na versión cinematográfica de Jean-Jacques Arnaud protagonizada por Sean Connery. Coa Idade Media como pano de fondo, El nombre de la rosa é unha orixinal mestura de relato detectivesco e novela culta con apaixonante trama, chea de golpes de efecto, e portentosa reconstrución dunha época, das súas diversas formas de pensar e os seus conflitos.

Bivalvos como galegos en Falabaratos
Pedro Brandariz e Fran Rei, coñecidos ultimamente pola súa participación no programa Luar da TVG cos seus aloucados personaxes de O Gordo e o Calvo, presentan un novo espectáculo cómico na liña do seu traballo en televisión. Bivalvos como Galegos é O Gordo e o Calvo en esencia pura. O humor retranqueiro e irónico de Pedro Brandariz e Fran Rei sen colorantes nin conservantes.

Compartir: