XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto da terceira das obras comprometidas coa parroquia de Angrois: o almacén veciñal

23/01/2015 O alcalde, Agustín Hernández, anunciou a aprobación do proxecto básico e de execución para a construción dun almacén destinado á Asociación de Veciños de Angrois. Satisfarase así o terceiro dos compromisos adquiridos no seu día cos veciños desta parroquia para a mellora do seu equipamento comunitario.

O proxecto contempla a creación dunha edificación compacta de 74 metros cadrados (6 x 12,40 metros), cunha altura máxima de 3,5 metros. Será de formigón armado color sepia, tanto no seu exterior como no exterior e terá cuberta a unha soa auga en chapa de cinc-titanio, cun soportal de 21 metros cadrados(6 x 3,5 metros).

No seu interior haberá tres estancias: un aseo, un pequeno almacén pechado con chave e un almacén maior destinado a elementos voluminosos, e irá dotado con portas con pechadura de seguridade. Tamén se inclúe no proxecto a instalación eléctrica, iluminación e servizo de abastecemento e saneamento. O importe estimado das obras é de 50.685 euros e o prazo de execución de tres meses.

A edificación, dotada con ventilación constante e con carpintería de aceiro, está concibida para facer innecesario o mantemento. Prevese para ela un uso exclusivo de almacén, onde se poderán gardar útiles de uso comunitario, tales como carpas, grellas, cadeiras ou mesas, destinados a actividades veciñais.

O terreo onde se vai edificar, que será acondicionado na súa totalidade, ten unha superficie de 1.242 metros cadrados e está situado nas proximidades da vía férrea, do paso elevado da AP-9 e da traza do Camiño da Prata que atravesa esta parroquia.

Dous proxectos máis
Segundo lembrou Agustín Hernández, nas inmediacións deste terreo do almacén é onde se van desenvolver as outras obras acordadas para a parroquia: o campo da festa e a pista polideportiva, así como a zona de descanso de peregrinos, parque público e parque infantil. "Estas obras, que xa foron adxudicadas no pasado mes de decembro, comezarán a executarse antes de que remate a primeira quincena de febreiro, logo de que as empresas cumprimenten os trámites preceptivos", explicou.

Respecto ao almacén, indicou que a súa construción, remitida xa a modificación da aliñación do terreo necesaria por parte do ADIF e aprobado o proxecto básico, podería iniciarse no transcurso deste mesmo trimestre. "Con iso, daríamos completa resposta aos compromisos adquiridos no seu día cos veciños de Angrois, executando un conxunto de obras por importe total próximo aos 200.000 euros", indicou Agustín Hernández.

Documentos relacionados



Compartir: