DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello pon a disposición das familias 100 novos composteiros caseiros e un comunitario

22/01/2015 O Concello de Santiago, en colaboración con Adega, abre unha nova convocatoria de compostaxe caseira. Súmanse outros 100 composteiros aos 506 xa existentes e un novo composteiro comunitario que se situará a carón das hortas de Fontiñas, complementando así o xa existente nas hortas de Belvís.

A concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, e a educadora ambiental María Rodríguez, de Adega, presentaron esta nova convocatoria, que estará aberta ata o 16 de febreiro. As familias interesadas poderán descargar o impreso de solicitude nesta mesma web e deberán presentalo por rexistro. A elección das vivendas nas que se instalarán os 100 novos composteiros realizarase por rigorosa orde de solicitude entre aquelas que reúnan as condicións axeitadas.

Ademais da entrega do composteiro, o programa facilita unha formación, un manual e tres visitas que permitirán asegurar o uso correcto do recipiente. Os composteiros cédense en depósito para a súa utilización. Será responsabilidade das persoas depositarias o uso adecuado dos mesmos, segundo as instrucións que lles indiquen, así como facilitar a eles o acceso dos técnicos municipais e a información que se lles requira en cada caso.

Lembrou a concelleira que o uso do composteiro permite ás familias un aforro dun 50% na taxa de recollida de lixo. Ademais, supón tamén un aforro para o Concello, que ve reducida a cantidade de residuos orgánicos que debe enviar á planta de tratamento de Sogama.

Compartir: