EDUCACIÓN

Convocado o VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

13/01/2015 A Concellería de Educación e Kalandraka convocan o VIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 6 de marzo de 2015 e o fallo do xurado coñecerase en abril, coincidindo co mes de libro e durante a Campaña Municipal de Animación á Lectura.

A concelleira de Educación, Maite Cancelo, presentou en rolda de prensa as bases do Premio, dirixido a autores e ilustradores de calquera nacionalidade que presenten obras orixinais e inéditas. Os interesados deberán enviar cinco copias do texto escrito en calquera das linguas oficiais da Península Ibérica, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en cor de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués aproximadamente sobre o mes de outubro. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por persoas de recoñecido prestixio na área da literatura e da ilustración infantil.

As condicións completas de participación poden consultarse na páxina web do Concello e na de Kalandraka.

Álbums gañadores
A gañadora da primeira edición do Premio Compostela –á que se presentaron 335 traballos de varios países- foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora do álbum Cerca. Na convocatoria de 2009 –á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C, que competiu con outros 518 traballos de 22 países. Kalandraka editou unha tiraxe conxunta de 20.000 exemplares de cada obra.

A convocatoria deste certame internacional, un referente xa no ámbito destas publicacións a nivel mundial, tal como recordou a concelleira, está acompañada de programadas para o mes de abril que chegan a máis de 5.000 escolares da bisbarra compostelá.

Historia
O Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado é un certame convocado dende 2008 polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coa Editorial Kalandraka, que está dirixido a autores e ilustradores de todas as nacionalidades.

A iniciativa xurdiu no marco da Campaña de Animación á Lectura que este departamento municipal ven organizando dende o ano 2001, co obxectivo de enxalzar este xénero literario e artístico, e proxectar internacionalmente o nome da cidade, a través de publicacións de libros de calidade en varias línguas.

Trátase dun dos concursos internacionais con maior dotación económica no seu ámbito de especialización, con 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor, e cun significativo nivel de participación nas sete edicións, ao que se engade o prestixo do xurado que avalía as obras presentadas.

A convocatoria preséntase no último trimestre do ano e o fallo anúnciase en abril coincidindo co mes do libro, durante a Campaña municipal de Animación á Lectura, para proceder á presentación da obra e á entrega do galardón transcorridos un seis meses, durante os cales se traballa no proceso de edición e produción da obra.

Kalandraka publica a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués- así como en inglés. A editorial pode publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial.

Kalandraka Editora ten realizando un importante labor de recuperación de clásicos universais da literatura infantil e xuvenil. Tamén se abriron ao campo creativo, publicando álbums ilustrados de creación propia segundo criterios de alta calidade estética e literaria nos que os autores e os ilustradores galegos poden dar a coñecer a súa obra. A produción editorial desta firma inclúe libros en galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, e portugués.

A súa proxección internacional concrétase coa participación nas principais feiras sectoriais do mundo: Italia, Estados Unidos, Xapón, China, Alemaña, México… O seu mercado esténdese a Norteamérica e a América do Sur, onde a Secretaría de Educación Pública do goberno de México incluíu numerosos títulos de Kalandraka no plan quinquenal do libro e a lectura. Os seus libros tamén están presentes en Europa e en Asia.

Esta traxectoria está salpicada de galardóns a nivel nacional internacional: Premios Nacionais de Ilustración nas categorías infantil e xuvenil: Libro mellor editado do Ministerio de Cultura, Premio Nacional de Edición, Premio Libreter de Cataluña, Premio Daniel Gil de Deseño Editorial, Premio Isaac Díaz Pardo e o Premio Nacional ao mellor labor editorial 2012, concedido polo Ministerio de Cultura, entre outros.

Por outra banda, desde hai 15 anos o Concello de Santiago organiza xunto con esta editorial unha campaña de animación á lectura na que participan máis de catro mil escolares de Santiago e a súa comarca en cada edición, o que reflicte o grande interese que esta proposta didáctica ten para a cidade.

Compartir: