CONSORCIO

O Consorcio de Santiago conclúe as obras na igrexa de San Miguel dos Agros, centradas na reparación da cuberta e das fachadas laterais

26/12/2014 As patoloxías existentes permitían a entrada de auga, coa aparición de humidade no baixo cuberta e no interior do templo. O orzamento global dos traballos ascendeu aos 67.215,50 euros.

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de rematar a intervención na igrexa de San Miguel dos Agros, situada na praza de San Miguel. As obras centráronse na reparación da cuberta e na substitución dos enfoscados das fachadas laterais. O orzamento global dos traballos ascendeu aos 67.215,50 euros.

Tal como explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio responsable do proxecto, Ramón Fernández Hermida, "de modo xeneralizado, a cuberta do templo presentaba un mal estado de conservación, con falta de moitas tellas e con outras moitas rotas, xunto coa existencia de musgo e plantas. Así, procedeuse á retirada de toda a tella, que se substituíu por outra nova".

Aínda que o estado dos muros das fachadas laterais deste inmoble do século XVIII era bo, a capa de morteiro presentaba fisuras e desprendementos. Deste xeito, tiveron que picarse todos os enfoscados destas fachadas, realizando un novo enlucido con morteiro de cal en tres capas e, finalmente, procedeuse á aplicación dunha pintura de silicato.

Ademais, nos muros do templo había moita humidade, producida por unha mala evacuación das augas pluviais, con canlóns atascados e mesmo algúns inexistentes. Como solución, limpáronse os canlóns, colocáronse algúns novos e outros substituíronse por uns de maior tamaño.

Por outro lado, tamén había zonas con humidade no baixo cuberta e no interior do templo. "Estas humidades xeraban desprendementos na pintura e provocaban a aparición de fungos. A orixe destas patoloxías estaba nas filtracións da auga da choiva, que entraba polos encontros da cuberta coas fachadas. Estes problemas resolvéronse mediante a colocación dunha lámina de chumbo e babeiros de zinc-cobre" -explica o arquitecto Ramón Fernández Hermida-.

Compartir: