ALCALDÍA

Santiago contará nun prazo de seis meses cun Plan Director dos parques e xardíns da cidade

22/12/2014 O alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, ven de anunciar hoxe que o Concello, a través do actual contrato de mantemento das zonas verdes, iniciará a redacción dun Plan director dos parques e xardíns de Santiago, que conta cun investimento para a súa redacción de 144.085 euros. O traballo será realizado por un dos arquitectos e paisaxistas de maior prestixio do no país, Iñaki Alday.

Con este documento, nun prazo de seis meses, Santiago disporá dun instrumento de planificación específico das súas zonas verdes, tanto das que temos actualmente como das futuras.

Trátase dunha das melloras previstas no prego de mantemento das zonas verdes que a actual empresa adxudicataria (Ferrovial) ofertou na proposta presentada, e polo tanto será esta empresa a encargada da súa adxudicación e financiamento, baixo a supervisión dos técnicos municipais.

A persoa elixida pola empresa adxudicataria para levar a cabo este traballo é un dos arquitectos e paisaxistas de maior prestixio do noso país, Iñaki Alday. O seu currículo e o do seu estudo inclúe actuacións tan relevantes como o Parque da Auga e varios edificios para a Expo 2008 de Zaragoza, entre outros moitos traballos.

Concretamente nos últimos tres anos o seu estudo de arquitectura proxectou e construíu mais de 1,3 millóns de metros cadrados de espazos públicos, ademais de recibir importantes recoñecementos nacionais e internacionais. Tamén é catedrático e director do Departamento de Arquitectura da Universidade de Virxinia (EE.UU).

En rolda de prensa, o alcalde de Santiago subliñou que "é unha garantía e tamén unha honra contar na nosa cidade cun experto paisaxista de prestixio internacional para elaborar a redacción deste documento de traballo que servirá para Orientar as decisións e actuar de marco de referencia na planificación e a xestión dos espazos libres e as zonas verdes do Concello de Santiago de Compostela.

Tamén porque con el, contaremos cun instrumento imprescindible para reflexionar e avanzar no intento de conseguir unha cidade máis habitable, máis ordenada e sustentable.

Pola súa banda, o profesor Iñaki Alday que acompañou ao alcalde na rolda de prensa, explicou de xeito pormenorizado as fases do traballo que desenvolverá na nosa cidade nos vindeiros meses.

15 áreas
O Plan estruturarase en 15 áreas e para cada unha delas realizarase un diagnóstico e proporanse unha serie de criterios de actuación que marcarán a xestión futura deses espazos verdes:

1. Arborado
2. recursos hídricos
3. parques históricos (Alameda de Santiago e Santo Domingos de Bonaval)
4. Centro histórico
5. Camiño de Santiago
6. Ensanche
7. Grandes zonas verdes consolidadas
8. Novas zonas verdes e urbanizacións non consolidadas
9. Espazos naturais
10. Hortas urbanas
11. Accesos á cidade (viarias, circunvalacións, medianas)
12. Polígonos industriais
13. Colexios
14. equipamentos e instalacións
15. protección de zonas verdes

O Plan servirá, entre outras cuestións, para:

o Reflexionar sobre os espazos verdes que queremos na nosa cidade. Que valores deben ter, que esperamos e como debemos actuar neles para que se incremente o valor patrimonial da cidade hoxe e no futuro.

o Dispor de plans de actuación e mellora, inventarios, sistemas de xestión informática da información que regulen e axilicen as operacións de mantemento e mellora dos espazos verdes da cidade.

o Propor unha listaxe das especies vexetais máis adecuadas para ser usadas nos devanditos proxectos, en función dos diferentes emprazamentos e necesidades concretas.

o Destacar a necesidade de protexer a vexetación arbórea do municipio de Santiago de Compostela.

o Marcar as directrices referentes ás tarefas de conservación e mantemento tanto de zonas verdes como de arborado.

Porque "non podemos seguir entendendo as zonas verdes como mera xardinaría, como unha actividade illada e de mera decoración urbana senón como parte dun elemento máis global, como parte da nosa vida cotiá, como unha necesidade vital", indicou Iñaki Alday, que indicou asemade que "esta trama de zonas verdes debe rexerse por unhas directrices que lle outorguen a Santiago de Compostela unha identidade propia, difícil de atopar noutras cidades".

Canto a finalide última do Plan Director explicou que todos estes espazos e a súa conectividade constitúen o patrimonio colectivo que define a identidade da cidade, é por este motivo, temos a obriga de potencialo e de protexelo.

Superficie de zonas verdes
Santiago de Compostela ten máis de 2,5 millóns de metros cadrados de zonas verdes e mais de 26.000 árbores. Supera polo tanto os 25 m2 de zonas verdes por habitante, moi por riba das recomendacións da OMS de entre 10 e 15 m2/habitante. Asemade Contamos na nosa cidade con máis de 47 parques maiores de 1 hectárea, que suman 177 ha.

Nun futuro próximo incorporarase ao contrato de mantemento das zonas verdes de Santiago a totalidade do campus Sur, Norte e o Xardín Botánico (22,7 hectáreas) e gañaremos grandes áreas naturais para a cidade como as Brañas de Sar, o Monte Gaias e o Monte Pedroso (o tres suman mais de 181 hectáreas).

Tamén tempos previsto que a medio prazo a actual Ruta do río Sarela se converta no gran Parque do Sarela, de carácter lineal e con 30 hectáreas de superficie.

Esta situación implica pasar das 227,6 ha actuais a 461,4 hectáreas no futuro máis do dobre actual, e permitirán alcanzar un cociente de 48 m2 por habitante, o que situará a Santiago de Compostela entre as cidades máis verdes de Europa.

A gran oferta de zonas verdes da que xa gozamos os composteláns, así como as previsións futuras ás que me acabo de referir, fan imprescindible contar cun instrumento de xestión desta grande riqueza ambiental.

Compartir: