CONSORCIO

Nenos de 6 a 12 anos poderán construír esta fin de semana unha nova cidade de Santiago empregando obxectos cotiás como botellas, cartóns, botes ou chapas

18/12/2014 Celébranse os tres últimos obradoiros didácticos do ano no Museo das Peregrinacións e de Santiago, o sábado todo o día e o domingo pola mañá.

O Consorcio de Santiago celebra esta fin de semana os tres últimos obradoiros didácticos do ano no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías). Con esta iniciativa, dirixida a rapaces de entre 6 e 12 anos, búscase que os máis pequenos se acheguen á historia de Compostela de xeito lúdico.

Cada obradoiro ten unha duración de entre unha hora e media e dúas horas e un custo de 3 euros. É necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os talleres terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

O sábado, ás 12.00 horas, terá lugar o obradoiro titulado Construímos cidade. Os rapaces construirán unha nova cidade de Santiago, na que se reflectirán todos os seus desexos urbanos. Para iso transformarán obxectos cotiás como como tapóns, botellas de leite, cartoneiras de ovos, tambores de deterxente, vasos de plástico, caixas de zapatos, chapas e botes de refresco. "A finalidade é espertar o seu interese pola arquitectura, o contorno, a cidade e o desenvolvemento sostible" -salientan os organizadores dos talleres-.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o taller Instantáneas móbiles, que impartirá o fotógrafo Manuel Blanco. Os asistentes coñecerán as distintas posibilidades que ofrecen as cámaras fotográficas dos teléfonos móbiles, para que sirve cada unha das aplicacións e como se pode mellorar a calidade das fotografías.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, realizarase o obradoiro Sopa medieval. Comezará cunha breve visita á exposición permanente do museo "Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral", unha recreación do Santiago do século XIII. Logo deste percorrido pola urbe medieval, os rapaces buscarán en grupo, nunha gran sopa de letras, os nomes das sete portas da muralla que rodeaba a cidade. Esta actividade axudaraos a coñecer e consolidar datos históricos e xeográficos significativos de Compostela.

Compartir: