NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Dous novos espectáculos de dinamización lingüística no Nadal para os máis pequenos

18/12/2014 Durante as vacacións escolares que van comezar, a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, da que forma parte do Concello de Santiago, ofrece en Compostela dous espectáculos para público familiar: a obra de teatro Espantallo Amigo e o concerto Cantigas da estrela. Presentounos en rolda de prensa a concelleira María Corral, acompañada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o artista Magín Blanco, e o responsable da editorial Galaxia, Xulio Amigo.

O primeiro dos espectáculos, "Espantallo Amigo", celebrarase o 23 de decembro, ás 17.30 h na sala Mozart do Auditorio de Galicia.

A trama, creada por Xosé Neira Vilas, está contada na versión teatral de Os Quinquilláns polos nenos que no seu día conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos nun home e nunha muller, queren facer unha montaxe teatral que amose o acontecido.

Cantigas da Estrela representarana o 28 de decembro, ás 12.30 h tamén na sala Mozart do Auditorio de Galicia, Magín Blanco, acompañado de Jorge Juncal, María Faltri e Pablo Vidal.

O espectáculo consta de dúas panxoliñas creadas por Magín Blanco para este Nadal que, mesturándose con temas do seu novo disco ‘Gatuxo’ e dos anteriores dirixidos ao público infantil do autor, ofrecerán un repertorio intimista á par que alegre. O espectáculo é unha metáfora do crecemento da crianza e do descubrimento do mundo.

A entrada é de balde pero cómpre recoller a invitación previamente. Están dispoñibles no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual (martes a sábado entre as 18 e as 21 horas) e, en caso de que non se esgotaran, unha hora antes de cada espectáculo no propio Auditorio de Galicia.

Estas dúas propostas foron presentadas hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Normalización Lingüística, María José Corral, e o secretario xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, que valoraron a importancia de ofrecer actividades que arrequenten o uso do galego entre as xeracións máis novas e convidaron a todas as familias compostelás a acudir a estas citas coas que se procura contribuír a este obxectivo.

Na rolda participou tamén Xulio Amigo, en nome da Editorial Galaxia que produce e distribúe o espectáculo dos Quinquilláns, quen explicou que os asistentes á representación recibirán un exemplar da obra de Neira Vilas.

Así mesmo, contouse coa presenza de Magín Blanco que ofreceu un pequeniño adianto dunha das panxoliñas da súa autoría que forman parte do repertorio do concerto, no que fundamentalmente pretende que os nenos e nenas se divirtan.

Dúas propostas do programa "Nadal en rede"
Os dous espectáculos forman parte do programa Nadal en rede que se distribúe por todos os concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

O Concello de Santiago incorporouse a este agrupamento en decembro de 2011. Desde ese momento programáronse en Compostela varias actividades culturais dirixidas a fornecer aos nenos e nenas e tamén á mocidade espazos de educativos e de lecer vehiculados en lingua galega e deseñados para enriquecer o coñecemento e o aproveitamento da nosa cultura.

Dentro destas colaboracións estiveron en Santiago para os másis pequenos: os Axóuxeres, as representacións d’O Señor das Dunas, Acuario, A nena e o grilo, o Crebanoces, As Fabas Máxicas e agora Espantallo Amigo; o espectáculo musical Toc-Toc de Pablo Díaz ao que se suma esta Nadal Cantigas da Estrela; e a programación audiovisual de Galego de cine. Para público xuvenil ofreceuse o obradoiro Títere-hop e o encontro Espello Deportivo.

Compartir: