COMERCIO

O Mercado da Estrela regresa esta fin de semana a Santiago de Compostela para celebrar a súa 3ª edición

17/12/2014 A feira do talento galego terá lugar no CGAC, no Museo do Pobo Galego e nunha carpa con postos de comida e bebida a partir das 11h, e ofrecerá un atractivo abano de agasallos de Nadal e unha variada programación lúdico-cultural de balde para todas as idades. Na rolda de prensa de presentación estivo presente a concelleira de Comercio, Reyes Leis.

O Mercado da Estrela celébrase por terceiro ano consecutivo este sábado 20 e domingo 21 de decembro cunha edición única en Santiago de Compostela. As localizacións anfitrionas serán novamente o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo do Pobo Galego (MPG) contando ademais cunha carpa para restauración e música denominada Cantina Gourmet.

O horario estará comprendido entre as 11h. a 20h. nos espazos interiores dous dous museos. Na Cantina Gourmet, ubicada no corredor que conduce a Bonaval, entre o CGAC e o Museo do Pobo Galego, o horario prolongarase ata as 24h o sábado, e ata as 22h o domingo, e alí os visitantes poderán almorzar, comer, merendar e cenar degustando os apetecibles a atractivos produtos de alimentación e bebidas dispoñibles, mentres gozan das actuacións en directo.

Prantexado como un auténtico festival lúdico-cultural para a visibilización dos novos creadores e emprendedores galegos, e con dúas exitosas edicións ás súas costas, o Mercado da Estrela continuará este Nadal co seu lema "Agasalla talento galego" fiel a intención de que apostemos polos produtos realizados en Galicia nos nosos agasallos para as festas. Unha proposta integradora de cultura, artesanía, sostibilidade, restauración, solidariedade, creatividade, ocio, compras e novas tendencias que reunirá a artistas, artesáns, produtores e emprendedores chegados dende toda Galicia para dar a coñecer as súas pezas e produtos nas datas previas ao Nadal.

O Mercado da Estrela contará nesta terceira edición cunha sección especial dedicada a emprendedores, un almorzo-degustación ofrecido por Galicia Calidade e tutelado polo barista Óscar de Toro, e accións didácticas sobre redución, reutilización, reciclaxe e sostibilidade promovidas por Sogama, presente na iniciativa grazas ao apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes. Haberá tamén un servizo de mañá e tarde de gardería-ludoteca, e obradoiros creativos e outras actividades de balde dirixidas a todos os públicos nas tres localizacións.

O Mercado da Estrela é unha iniciativa da empresa Correveydile que conta co patrocinio de Santiago de Compostela Turismo, a concellaría de Economía, Turismo, Emprego, Comercio e Mercados e Sogama, realizada grazas á colaboración do Concello de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, CGAC, Museo do Pobo Galego, Estrella Galicia, Cafés Candelas, IGAPE, Coca Cola e Dot Galicia.

Compartir: