CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpreta este venres unha selección dos fragmentos máis populares de "O Mesías" de Haendel

10/12/2014 A Real Filharmonía de Galicia celebra, como cada ano por estas datas, un concerto dedicado a O Mesías de Haendel. O vindeiro venres terá lugar a xa tradicional cita con esta obra, ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director Edmon Colomer. A orquestra estará acompañada polas voces da soprano Elena Copons, do contratenor Jordi Domènech e do Orfeón Terra A Nosa -que dirixe o mestre Miro Moreira-. O concerto repetirase o sábado para o público familiar, ás 18:30 horas, nesta ocasión sen solistas pero coa participación, xunto ao Orfeón Terra A Nosa, de coros e voces individuais de toda Galicia.

O compositor alemán Georg Friedrich Haendel (1685-1759) escribiu O Mesías en Londres en 1741, en só tres semanas. Aínda que tradicionalmente se asocia co Nadal, este oratorio trata non só do nacemento de Xesús, senón de toda a súa vida. Destaca pola súa monumentalidade en canto a duración e proporcións sonoras. Trátase dun texto en tres actos, divididos en escenas, sobre fragmentos do Antigo e do Novo Testamento, onde os coros teñen un protagonismo particular. Nesta obra as voces requiren un virtuosismo extremo, posúen a elocuencia e a identidade dun personaxe máis.

Esta obra mestra é un referente ineludible da música de Haendel, do Barroco musical e da historia da música. A RFG tocará unha selección dos fragmentos máis coñecidos, entre eles "And the glory of the Lord", "Glory to God" ou o sublime "Aleluya", no que Haendel combina texto e música creando un fastuoso son que representa o cume da obra. O concerto concluirá co apocalíptico "Amen", momento no que o coro se manifesta en todo o seu esplendor.

No concerto familiar do sábado, ademais do Orfeón Terra A Nosa, participarán 90 voces, tanto individuais como agrupacións, procedentes de diferentes puntos de Galicia. De Compostela interveñen o Coro Universitario, alumnos de Música de Ciencias da Educación, o Coro Irmáns Gómez e a Capela musical da Catedral de Santiago.

Con trompetas e timbal históricos
Por primeira vez, a Real Filharmonía de Galicia vai tocar con trompetas e timbal históricos, pertencentes ao Barroco. Tal como explica o trompetista principal da orquestra, Javier Simó, "agora a tendencia é interpretar as obras cos instrumentos orixinais de cando se compuxeron, neste caso trompetas barrocas, tamén chamadas naturais, que non teñen pistóns". Simó é profesor de trompeta na Escola de Altos Estudos Musicais, onde este curso se introduciu a materia de trompeta barroca, polo que o seu alumno acompañarao nesta experiencia con instrumentos pertencentes ao século XVII-XVIII. "Aportan un son diferente. Ofrécese así a posibilidade de escoitar a obra dun xeito moi parecido ao son da época, neste caso O Mesías tal como o escoitou Haendel", sinala o músico.

Charla previa co director
O venres, antes da celebración do concerto, o director catalán Edmon Colomer manterá unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

O mestre Edmon Colomer foi director titular de varias orquestras españolas e tamén levou a batuta de agrupacións sinfónicas en Francia, Reino Unido, Estados Unidos e ata en Corea do Sur. Fundou a Orquestra de Cadaqués en 1988. Convencido do compoñente educativo e social da música, vencella con frecuencia a súa actividade profesional á educación. En 1983 creou a Joven Orquesta Nacional de España.

Compartir: