ALCALDÍA

O alcalde anima a seguir traballando para erradicar "a inxustiza social da desigualdade que alenta e motiva a violencia de xénero"

29/11/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, clausuraron o II Congreso Internacional de Intervención e Prevención de Violencia de Xénero, celebrado na Cidade da Cultura do 27 ao 29 de novembro. Antes da sesión de peche, asistiron ao último relatorio destas xornadas, que correu a cargo do xuíz Fernando Grande Marlasca, presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional.

Na súa intervención de clausura, o rexedor compostelán apuntou que "a violencia de xénero continúa a ser hoxe un problema capital que pon en cuestión a eficacia dos avances sociais e, en particular, o conxunto de medidas articuladas nos últimos anos na procura dunha efectiva igualdade entre homes e mulleres". Así, indicou que malia as medidas adoptadas en todos os ámbitos, "o certo é que aínda hoxe se manteñen actitudes e comportamentos ancestrais que evidencian a persistencia dunha mentalidade que considera as mulleres como inferiores e subordinadas aos homes".

Agustín Hernández falou das nefastas consecuencias directas desta mentalidade, en forma de violencia, pero tamén duns "efectos colaterais que dificultan, cando non impiden directamente, a implantación dunha igualdade real en todos os ámbitos, que ten que ser un dos dereitos fundamentais e innegociables do ser humano".

Referiuse aos avances producidos para que o problema da violencia de xénero transcendese da esfera privada a unha cuestión social, pero afirmou que "queda moito camiño por percorrer para restituír, ou mellor dito, establecer, unha igualdade durante séculos inexistente e sempre insuficiente e adiada".

Así, en canto ao papel das administracións para lograr este obxectivo, citou as políticas de igualdade de oportunidades que vén promovendo o Concello de Santiago, coa finalidade de impulsar e garantir condicións que fagan posible a igualdade real das mulleres. "A ese fin está orientado o III Plan de Igualdade do Concello de Santiago o Centro municipal de Información ás Mulleres, no que –coa colaboración da Xunta de Galicia- se ofrece información e asesoramento xurídico, psicolóxico e profesional de forma gratuíta e con plena confidencialidade, para colaborar na resolución de distintas problemáticas propias da condición feminina", explicou.

Nese labor, destacou as accións dirixidas a erradicar a violencia de xénero, tanto no plano da prevención –con medidas de sensibilización para o conxunto da cidadanía- como no plano da intervención, á hora de ofrecer protección e asesoramento. No que vai de ano, o Centro de Información ás Mulleres municipal recibiu 400 consultas relacionadas coa violencia de xénero, das que unha cuarta parte acudiron a el como primeiro centro de referencia.

Esta cifra, dixo, dá idea da necesidade de atención a este problema, da súa existencia e da súa proximidade, "agravada nos últimos tempos por un perceptible repunte entre a nosa xuventude. Neste sentido, indicou que de nada serven medidas de cohesión ou de conciliación ou actos e proxectos de colectivos de mulleres se "ao remate, non prende na sociedade –ou dito con maior propiedade, entre os homes- a conciencia profunda de non se pode perpetuar por máis tempo a inxustiza social da desigualdade que alenta e motiva a violencia de xénero".

Malia recoñecer o complicado da tarefa, amosouse optimista e convencido de que "a violencia de xénero rematará por converterse nun triste e amargo recordo". Para iso, "cómpre non desmaiar na tarefa de abrir mentes, espertar conciencias e afrontar un problema que aínda existe, que é moi grave e que os poderes públicos debemos tratar co máximo interese, porque é moito máis que un asunto de Estado: é un asunto de lesa humanidade, e como tal debe ser tratado con todos os medios ao alcance".

No marco dese labor das administracións, valorou a transcendencia do Congreso, "un lugar moi apropiado para afondar no tratamento das situacións de desigualdade, e de forma moi especial, no caso extremo da violencia de xénero, e nas súas posibles solucións á hora de afrontar con eficacia a definitiva curación desta ferida aberta na nosa sociedade".

Reflexión sobre a lexislación de violencia de xénero
Antes do acto de clausura, o alcalde asistiu á ponencia "Reflexión sobre a lexislación sobre a violencia de xénero a nivel estatal, europeo e internacional, impartida polo xuíz Fernando Grande-Marlaska Gómez, presidente da Sala do Penal da Audiencia Nacional. Encargouse de presentalo a concelleira de Muller, María Corral, quen destacou do ponente "a ousadía, a determinación e a imparcialidade demostrados ao longo da súa carreira xudicial", con resolucións que os profesionais do dereito consideran moitas veces "fonte de coñecemento e referentes de boa praxe".

Na súa conferencia, Grande-Marlaska, cualificou os crimes contra as mulleres como "un crime de odio" e lembrou que, no que vai de ano, son 45 as mulleres asasinadas, das que só un 70 por cento tiña realizado algunha denuncia. Neste sentido, afirmou que aínda hai en moitas mulleres a "desconfianza" en que se lles poida dar unha resposta adecuada ao seu caso. De aí a importancia da formación dos profesionais e da súa especialización para tratar adecuadamente o "ataque á dignidade da muller" que supón a violencia de xénero.

Non obstante destacou que os delitos nesta materia saíron do ámbito familiar para convertese en crimes e referiuse aos 106 xulgados exclusivos nesta materia e a importante número de sentenzas que se producen cada ano. Tamén valorou a cooperación entre entes xudiciais existente e a creación da orde de protección europea. Igualmente, falou do salientable papel do Observatorio da Violencia, no que se estudan os casos de denuncia ata a resolución xudicial.

Respecto á actuación xudicial, aludiu especialmente ao delito de fustrigamento, que se recolle no proxecto de reforma do código penal e que definiu como "facer a vida imposible á parella". Nese proxecto tamén se inclúe a asistencia xurídica gratuíta especializada con carácter previo á denuncia.

Compartir: