ALCALDÍA

Hernández confía en que as obras de ampliación da AP-9 e de acceso ao Tambre mellorarán a competitividade do Polígono

28/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou esta noite no acto de homenaxe aos asociados organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e sumouse ao recoñecemento realizado ás empresas que cómpren un cuarto de século formando parte da Asociación.

O alcalde destacou función de dinamización da economía e de creación de postos de traballo que desenvolven as empresas instaladas no Tambre, máis de 400, que dan emprego a mais de 6.000 persoas.

Sinalou que as administracións públicas están avanzando para dar cumprimento a algunhas das máis reiteradas demandas dos últimos anos en relación con esta superficie empresarial. Referiuse, en concreto, á ampliación do acceso elevado de entrada sobre a N-550, "que confío en que o Ministerio licite en cuestión de semanas para poder executar as obras no 2015", destacou.

Xunto con ese acceso prioritario e vital, as melloras de capacidade na autoestrada AP-9 con novos carrís, o acceso á cidade da Cultura e o enlace orbital para facilitar o acceso ao aeroporto e conectar coa superficie da Sionlla tamén serán afrontados ao longo deste novo ano.

Hernández manifestouse convencido de que estas actuacións "sen dúbida van achegar vantaxes competitivas para as empresas aquí radicadas, como o vai facer tamén a variante de Aradas, que mellorará a conexión da cidade e deste polígono do Tambre cara a Santa Comba e Carballo".

Compartir: