CULTURA

Aberta a inscrición para todos aqueles nenos que queiran participar na Cabalgata de Reis

28/11/2014 O Concello de Santiago está xa traballando na organización da Cabalgata de Reis 2015 e este ano como novidade, e ante a demanda que todos os anos se xera entre os nenos e nenas por formar parte da comitiva dos Reis Magos ou das diversas carrozas, realizará un sorteo entre todos os nenos e nenas interesados para que participen.

Para entrar no sorteo é necesario inscribirse no Teatro Principal ata o 15 de decembro. Pode facerse achegándose alí, á Rúa Nova, nº 21, nas oficinas do terceiro piso polas mañás de luns a venres; por teléfono no número 981 542 347 ou por correo electrónico en tprincipal@santiagodecompostela.gal

Nas carrozas participantes hai dispoñibles 58 prazas para nenos e nenas de 6 a 14 anos, dependendo da carroza de que se trate. En concreto, poderán participar 28 nenos e nenas menores de 10 anos e 30 nenos e nenas de 10 a 14 anos. Tamén haberá dous trens nos que poden ir ata 120 rapaces e rapazas e no caso dos máis pequeniños terán que ir acompañados dunha persoa adulta.

No proxecto de animación da Cabalgata tamén está prevista a participación de 80 persoas que formando grupos de 10 estarán distribuídos en distintos puntos do percorrido da Cabalgata e iranse incorporando ao seu paso. Neste caso, precisaríanse voluntarios e voluntarias de calquera idade, que tamén se poderán apuntar no Teatro Principal.

A participación dos composteláns na Cabalgata de Reis 2015 pode ser polo tanto do máis variada: acompañando aos Reis nas súas carrozas ou noutras carrozas que os seguen; acompañando á comitiva nos trens ou formando parte dos grupos de animación que estarán repartidos polo percorrido. En calquera dos tres casos, a inscrición deberase de realizar no Teatro Principal, por teléfono, correo electrónico ou de xeito presencial e o prazo é ata o 15 de decembro

Compartir: