CULTURA

Estrea de "Mr. Turner", "Samba" e "Beloved Sisters" na xornada do sábado en Cineuropa

28/11/2014 Co festival a piques de chegar ao seu fin, as estreas non paran en Cineuropa na xornada deste sábado. Ás 19:45 horas, no Teatro Principal, poderemos asistir ao primeiro pase de Mr. Turner, biopic nada convencional que Mike Leigh realiza sobre a vida dun dos pintores máis emblemáticos do Romanticismo británico, William Turner. Timothy Spall, actor fetiche de Leigh, gañou o premio ao mellor actor en Cannes e conta con moitas posibilidades de levar o Oscar.

Samba, película que clausurou a pasada edición do Festival de San Sebastián, é o novo filme de Olivier Nakache e Eric Toledano, os directores da exitosa Intocable. Omar Sy e Charlotte Gainsbourg protagonizan esta historia honesta e chea de tenrura sobre dous estraños nun novo rumbo cara á felicidade. A cita é ás 20:30 horas no Salón Teatro.

No Teatro Principal, ás 22:30 horas, e de estrea absoluta en España, proxectarase Beloved Sisters, de Dominik Graf, un drama de época que recrea con inusitada liberdade o trío amoroso formado por dúas irmáns e máis o poeta alemán Schiller.

Nesta xornada haberá unha última oportunidade de asistir ás proxeccións de Winter Sleep, de Nuri Bilge Ceylan (Teatro Principal ás 16:30 h); Difret, de Zeresenay Mehari (Salón Teatro ás 22:30 h), e Backcountry, de Adam MacDonald (Salón Teatro ás 00:15 h).

No Salón Teatro completarase a programación do día con pases de O Pirata, o clásico musicado por Cole Porter (ás 16:00 h), e Chaplin descoñecido (ás 17:45 h), un documental de Kevin Brownlow e David Gill composto de escenas descartadas, filmacións caseiras, ensaios, probas de vestiario e entrevistas cos seus familiares que conforma un novo e minucioso retrato do xenio.

No CGAC continúan as citas cos Docs-Music e os mellores documentais históricos. Ás 16:00 h proxectarase Rust never sleeps, de Bernard Shakey (pseudónimo do propio Neil Young); ás 18:00 h seguiralle Le Noise, de Adam CK Vollick, Daniel Lanois e Mark Howard. E, por fin, ás 18:45 h, exhibirase o premiadísimo documental Hôtel Terminus, filme que narra o proceso contra Klaus Barbie, xefe da Gestapo de Lyon, e a súa vida despois da guerra.

Por último, o Centro Cultural Afundación, dedicará toda a súa programación ao desaparecido cineasta italiano Mario Monicelli, un dos mestres da comedia "á italiana". As máis de cinco horas con Mario comezarán ás 16:30 h, co documental homenaxe Monicelli: La versiones di Mario, de Mario Canale, Felice Farina, Mario Gianni, Wilma Labate e Annarosa Morri; e continuará con dúas das máis aclamadas comedias do propio Monicelli, Amici Miei (ás 18:00 h) e Amici miei Atto II (ás 20:00 h).

Compartir: