ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia da cidade de Santiago no desenvolvemento de actividades empresariais vinculadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC)

27/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu no Concello os participantes na I Misión Comercial Inversa- Edición Latinoamérica, organizada polo Cluster TIC Galicia. Esta iniciativa ofrece aos asociados ao devandito Cluster e a clientes ou colaboradores un espazo para reforzar as relacións comerciais mediante diferentes actividades de networking.

Nesta primeira edición, entre os días 27 e 30 de novembro, realizaranse diversos encontros empresariais para coñecer organismos de referencia en I+D e proxectos en materia de cidades intelixentes, sanidade dixital ou innovación multimedia, entre outros. Participan executivos de empresas de México, Chile, Brasil, Panamá, Costa Rica, Honduras, Perú ou Colombia.

No encontro cos empresarios, o alcalde lembroulles que Santiago ocupa un lugar importante na implantación e desenvolvemento de actividades empresariais vinculadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), xa que no concello ou na súa área atópanse algunhas das máis importantes compañías do sector. Mesmo entre os asociados do clúster TIC a gran maioría das empresas (32%) teñen a súa sede na contorna da capital de Galicia.

Para o alcalde, "a evolución e o dinamismo deste sector ofrece unha alternativa económica de gran transcendencia, que se pode ver ampliada con iniciativas como esta, co fin de abrir mercados e estender a súa actividade cara ao exterior, a países cun gran potencial e cunha forte relación histórica e cultural moi propicia para a cooperación e o intercambio".

Compartir: