CONSORCIO

O Museo das Peregrinacións converterase esta fin de semana nun labirinto no que os máis pequenos terán que buscar os tesouros

27/11/2014 O Consorcio de Santiago celebra esta fin de semana dous novos obradoiros didácticos para nenos no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede da praza das Praterías). Con esta iniciativa, dirixida a rapaces de entre 6 e 12 anos, búscase que os máis pequenos se acheguen á historia de Compostela de xeito lúdico.

O sábado día 29, ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro titulado Construímos cidade. Os rapaces terán a oportunidade de construíren casas, fontes, igrexas, a catedral e mesmo a cidade de Santiago no seu conxunto. Para iso empregarán materiais reciclados como botellas, tapóns ou cartóns; outorgándolles novas funcións e significados. A finalidade é espertar o seu interese pola arquitectura, o contorno, a cidade e o desenvolvemento sostible. "Os nenos aprenderán que facer arquitectura non é só construír edificios, senón tamén soñar, explorar, pensar, imaxinar, investigar ou debuxar", salientan os organizadores destes talleres.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o taller Un labirinto en Compostela. As salas do museo converteranse nun labirinto e, seguindo unhas coordenadas, os participantes terán que buscar os tesouros agochados. Unha serie de pistas e un GPS axudaraos a chegar ao final do percorrido con éxito. "Búscase así desenvolver a orientación e coñecer as posibilidades das novas tecnoloxías aplicadas á vida cotiá e ao noso contorno, ademais de estimular a autonomía e a independencia dos rapaces", sinalan os organizadores.

Inscrición previa
Cada obradoiro ten unha duración de entre unha hora e media e dúas horas e un custo de 3 euros. É necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no teléfono 981 566 110 ou na propia recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os talleres terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Compartir: