ALCALDÍA

Parabéns do alcalde ao Triatlón Arcade Inforhouse polos seus novos éxitos no Campionato de España de Clubs

26/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu en Raxoi os integrantes do Club Triatlón Arcade Inforhouse. O equipo compostelán vén de revalidar a finais de setembro o título masculino no Campionato de España de Clubs e obtivo o terceiro posto na categoría feminina.

Agustín Hernández felicitou por estes novos éxitos aos triatletas e directivos dun club que, dende a súa creación, hai xa 17 anos, non parou de medrar en número de deportistas, equipos e éxitos. En Santander, o 28 de setembro, o equipo masculino confirmou por segundo ano consecutivo a súa superioridade, colocando nove deportistas entre os 35 primeiros da proba. O conxunto feminino tamén obtivo un meritorio terceiro posto.

"Para o Concello de Santiago é unha honra contar cun dos mellores clubs de España desta especialidade deportiva tan esixente, que integra tres deportes nunha mesma proba", apuntou o alcalde durante o acto celebrado no salón vermello. Neste sentido, destacou non só os seus éxitos deportivos, senón tamén o seu labor de educación e formación, promovendo o deporte dende a primeira idade para alimentar os seus equipos de primeiro nivel dende a propia canteira. Así, referiuse á súa escola como unha das máis importantes de España.

Segundo Agustín Hernández, "este labor de promoción, de difusión e mesmo de organización de probas atléticas merece o máximo apoio e recoñecemento do Concello de Santiago, que agradece tamén a súa contribución a forxar unha positiva imaxe da cidade no conxunto de España".

Compartir: