PERSOAL

O Concello incrementa os gastos sociais de persoal e recupera a oferta pública de emprego, a promoción interna e o concurso de provisión de postos de traballo

26/11/2014 Os concelleiros Manuel Martínez e Alejandro Sánchez-Brunete informaron en rolda de prensa dos orzamentos municipais de 2015 en materia de función pública. Estas contas supoñen a apertura dunha nova senda para a recuperación das condicións de 2011 para os traballadores públicos, dando por saldado o plan de axuste en materia de persoal.

Concluído este plan de axuste, os orzamentos de 2015 non recollen ningún tipo de recorte de salarios. En cambio, si recollen un incremento da partida de axudas sociais, que se sitúa nos 325.000 euros.

No relativo ás prazas, mantéñense todas as correspondentes ás xubilacións e baixas producidas en 2014, en previsión de que a futura Lei de Orzamentos do Estado permita a cobertura do 100% da taxa de reposición de efectivos para todos os colectivos. Á espera desta medida, de calquera xeito, recolléronse nos orzamentos municipais cinco prazas de novo ingreso para o Servizo de Extinción de Incendios e outras oito para a Policía Local.

Destacou o concelleiro de Réxime Interior, Manuel Martínez, a recuperación da Oferta Pública de Emprego, "inexistente en anteriores lexislaturas". Ademais, poténciase a promoción interna con 26 prazas: oito administrativos, catro técnicos medios catro técnicos superiores, dous sarxentos do Servizo de Extinción de Incendios, catro oficiais da Policía Local, tres inspectores e un inspector principal. Recóllese unha partida de 20.000 euros para realizar un concurso de provisión de postos de traballo entre o persoal municipal.

Vontade de diálogo
Pola súa parte, Alejandro Sánchez-Brunete reiterou que este orzamentos reflicten a vontade municipal de recuperar as condicións laborais de 2011 para os traballadores, no marco dunha "función pública sostible". En calquera caso, afirmou a "vontade absoluta de diálogo" cos representantes sindicais e agradeceu a "marxe de confianza" amosada por tres das cinco centrais sindicais.

Compartir: