ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a contribución da Escola de Altos Estudos Musicais para "impulsar e fortalecer a calidade e a excelencia musical na nosa cidade"

24/11/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais celebrou a inauguración do curso 2014-2015 do centro. Ao acto asistiron o alcalde, Agustín Hernández; o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; a vicerreitora de Estudantes da Universidade de Santiago, Mª Dolores Álvarez; e o director asociado da Escola, Maximino Zumalave. Ao remate, o grupo de cámara de vento do curso de pograo de Especialización Orquestral do centro (recoñecido como título propio pola USC) interpretou a Serenata do compositor húngaro Ferenc Farkas.

O alcalde destacou na súa intervención o papel da Escola para "perfeccionar aos novos intérpretes e a contribuír a divulgar a música clásica entre todo tipo de públicos e colectivos", respondendo a "unha vocación musical moi arraigada en Galicia dende épocas inmemoriais entre a nosa poboación a través da música tradicional".

Neste eido da música tradicional referiuse ás bandas, colectivos que "significaron unha verdadeira democratización da música". "Aínda hoxe –lembrou- existen en Galicia arredor dun centenar de bandas de música, nas que se estima que tocan arredor de 6.000 músicos".

"A progresión da cultura musical no conxunto de Galicia ten na miña opinión moito que ver con este tipo de agrupacións", dixo, recordando que esta evolución trouxo consigo unha maior esixencia na formación.

"Pero facía falta a existencia dun gran centro para o perfeccionamento e a excelencia na interpretación que veu a cubrir esta Escola de Altos Estudos Musicais", apuntou Agustín Hernández. "Hoxe, a Escola vén actuando como unha verdadeira canteira de profesionais do máis alto nivel, moitos deles integrados nas mellores orquestras e agrupación musicais tanto de España como do estranxeiro, como é o caso da Real Filharmonía de Galicia", engadiu.

O máximo expoñente dese labor formativo e altamente especializado é o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, que conta co recoñecemento universitario. Pero o alcalde lembrou tamén as súas actividades divulgativas e benéficas, que lle "confiren unha dimensión social e educativa de primeira orde".

Agustín Hernández cualificou como unha "honra" para o Concello albergar a Escola, na que se contribúe a "impulsar e fortalecer a calidade e a excelencia musical na nosa cidade, facendo de Santiago de Compostela, tamén no eido musical, un referente da arte en España e en Europa".

Conferencia de Antón García Abril
No marco deste evento de apertura do curso, o ilustre compositor aragonés Antón García Abril pronunciou unha conferencia co título Mis encuentros con Galicia. Recentemente premiado coa Medalla de Ouro da Academia de Cine pola súa traxectoria profesional como autor de multitude de bandas sonoras, é profesor de Composición na EAEM dende 1998, coincidindo co nacemento da escola, da que asegura que "é o modelo dun sistema formativo de máximo nivel".

Compartir: