CULTURA

"Sorrow and Joy" e "Güeros", citas imprescindibles do domingo en Cineuropa

22/11/2014 Con permiso de Güeros, a película deste domingo é Sorrow and Joy, de Nils Malmros. Non só pola crúa e realista historia, senón pola presenza do cineasta para debater co público. O mellor para o espectador desta película é asistir á súa proxección o máis inocentemente posible, sen informarse sobre ela. A cita é no Salón Teatro ás 19:45 h, tras o pase das 17:00 h de Pain of love, da que tamén poderemos debater co propio Malmros.

En canto a Güeros, de Alonso Ruizpalacios, que se estrea ás 18:45 no Teatro Principal, foi elixida como a mellor ópera prima do Festival de Berlín e mellor película latinoamericana do Festival de San Sebastián. Retrata con bela factura, fotografía e banda sonora a actual cultura mexicana.

Tamén haberá unha nova oportunidade de asistir ao segundo pase de Difret, de Zeresenay Mehari (Teatro Principal ás 17:00 h); Dous días, unha noite, dos irmáns Jean-Pierre e Luc Dardenne (Teatro Principal ás 20:45 h); The Kindergarden teacher, de Nadav Lapid (Teatro Principal ás 22:30) e, por última vez no festival, La Trattativa, de Sabina Guzzanti (Salón Teatro ás 22:15 h).

O CGAC centrará gran parte da súa programación no foco asturiano do ciclo Disidencias, coa exhibición de Estes días, de Diego Llorente (17:00 h); Un contrato estraño, de Teresa Marcos (20:00 h), e Bernabé, de Pablo Casanueva (18:30 h), que conta co atractivo de ser a primeira película rodada en lingua asturiana. A programación completarase homenaxeando a Alain Resnais, co pase da súa penúltima película, Vous n'avez encore rien vu, ás 21:15 h.

Por último, cómpres salientar o ciclo dedicado ao mellor cine do Novo Hollywood dos 70. En Afundación proxectaranse The onion field, de Harold Becker (en pase matinal ás 12:00 h); The killing of America, de Sheldon Renan (16:00 h); Alerta mísiles, de Robert Aldrich (poderase ver ás 17:30 h na súa versión íntegra), e Saint Jack, de Peter Bogdanovich (20:00 h). A xornada rematará no Salón Teatro, onde será o pase do documental dirixido por Brett Morgen e Nanette Burstein, O rapaz que conquistou Hollywood, ás 00:15 h.

Compartir: