XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal aproba investimentos por máis de 1,6 millóns de euros para reurbanizacións e melloras do firme

22/11/2014 A Xunta de Goberno, presidida polo alcalde, Agustín Hernández, aprobou na súa sesión ordinaria varios proxectos en materia de infraestruturas. As diferentes actuacións suman investimentos por máis de 1,6 millóns de euros.

Un dos acordos foi a apertura do procedemento de adxudicación de tres obras incluídas no Plan DTC 93 da Deputación da Coruña. Entre elas, destaca a de repavimentación da avenida de Vilagarcía, no treito que discorre entre a praza de Vigo e a avenida de Romero Donallo.

As obras van dirixidas a mellorar as beirarrúas, calzada, bandas de aparcamento e arborado existentes. Tamén se renovará a rede de abastecemento de auga e de saneamento, a iluminación pública e a adaptación das redes de telecomunicacións ás normativas vixentes. O orzamento total do proxecto é de 496.733 euros e o prazo de execución previsto é de oito meses.

Tamén neste programa provincial se inclúe a obra de reforzo do firme na vía pública de Avieira, na parroquia de Cesar. A actuación afecta a un treito de 1.536 metros, cun ancho de 4,5 metros, no que ademais do tratamento bituminoso, se abrirán e limparán as gabias. O orzamento previsto é de 54.845 euros e o prazo de execución de 3 meses.

A terceira obra é a reurbanización do chamado camiño da Raxeira, nas Fontiñas, no ámbito das rúas Dublín, Raxeira, Outeiro de Sar e Londres. Esta zona, que presenta un aspecto degradado na actualidade, vai ser notablemente mellorada, dotándoa de novos servizos na procura dunha maior humanización e calidade ambiental para a veciñanza.

A actuación, que conta cun orzamento de 199.524 euros e un prazo de execución de 60 días, contempla a urbanización do tránsito peonil transversal entre as rúas da Raxeira, Londres e Dublín. Tamén se construirá un vieiro de acceso rodado ás traseiras da rúa Raxeira e axardinarase o espazo de estancia entre a camiño da Raxeira e a rúa de Londres.

As obras completaranse coa pavimentación de calzadas, viario para uso non motorizado e espazos libres. Instalarase mobiliario urbano e iluminación pública con elementos LED, e canalizaranse as redes subterráneas, de saneamento e pluviais, ademais de instalar un sistema de rego.

Obras no rural
Tamén no ámbito dos plans da Deputación da Coruña, pero neste caso do Plan de Obras e Servizos de 2015, a Xunta de Goberno acordou incluír no mesmo tres obras de reparación, conservación e mantemento do firme en vieiros de parroquias do rural compostelán:

- Da rúa Escarabuña (San Caetano) e anexos, cun importe de 298.385 euros, obra financiada integramente pola Deputación.

- Da rúa Pedreira (Laraño) e anexas, cun orzamento de 251.615 euros, con financiamento compartido no que a Deputación achega o 80%.

- Da rúa Teresa Jornet (San Marcos) e anexas, cun importe de 221.471 euros, tamén por conta da Deputación,

Tamén se inclúe unha achega provincial, dentro deste Plan, por importe de 5.391 euros, para colaborar en gastos correntes da Administración local. En conxunto, estas intervencións suman 776.862 euros, dos que o organismo provincial achega un 93,5% (726.862 euros).

Plan de accesibilidade
A Xunta do Goberno aprobou tamén o proxecto de execución de 45 actuacións noutros tantos puntos do espazo público da cidade, para resolver diversos problemas de accesibilidade urbana. Trátase de obras menores, de colocación ou rectificación de xeometría de vaos para persoas, coa colocación de pavimentos táctiles e coa resolución de obstáculos en aparcamentos adaptados. O orzamento é de 105.717 euros.

Estas medidas foron definidas en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) e foron avanzadas esta semana en rolda de prensa pola concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez.

Mantemento de pavimentos
Ademais, o Goberno local adxudicou o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos no ámbito da cidade histórica, excluído o recinto intramuros, á empresa Construcciones La Rosaleda, S.L. que presentou a oferta máis vantaxosa no cadro de prezos unitarios, ata un gasto máximo de 60.500 euros. A posta en marcha deste servizos vai permitir actuar con maior axilidade e capacidade de reposta ante as necesidades detectadas ou postas de manifesto pola cidadanía.

Dentro deste contrato hai unha partida destinada a facer un informe inicial da situación das rúas que, dentro do Plan Especial, están extramuros. Á vista dos informe e das actuacións que se sinalen como máis urxentes, procederase a realizar un cronograma de actuación nesas rúas.

Este contrato vén a complementar o que hai unhas semanas adxudicou o Consorcio de Santiago para actuar no pavimento do recinto intramuros durante este ano, por un importe de 79.134 euros, que é continuación dunha primeira fase xa executada entre os meses de xaneiro e marzo.

Documentos relacionados



Compartir: