CULTURA

Redrum Teatro presenta "Roedores" este domingo no Auditorio Abanca

21/11/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá a estrea absoluta de Roedores, de Redrum Teatro, acompañado dos seus protagonistas: Guillermo Carbajo e Sheyla Fariña. A estrea será este domingo no Auditorio Abanca ás 18:30 horas, dentro do ciclo Infantil & Familiar. O luns e o martes repetirán a obra, pero xa pola mañá e dirixido aos escolares dentro do Programa Didáctico.

As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 6 euros, podendo adquirirse unha entrada familiar de catro pases a 18 euros, o prezo de tres entradas soltas. Están á venda na web e teléfono de Abanca (902 434 443 e entradas.abanca.com) e no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre de 15:30 a 22:00 horas. Ademais, o domingo poden mercarse no propio auditorio Abanca dende as 17:00 horas.

Roedores é un espectáculo familiar no que se fomenta a igualdade. A través das aventuras de Peludiño e Munda os cativos achegaranse a conceptos como o de igualdade de xénero, de oportunidades, social, de dereitos... E entenderán o valor da amizade, do traballo en equipo e da aceptación dun mesmo e dos demais

Peludiño é un hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade. Munda é unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer o temido Gato. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban e que as diferenzas os fan especiais. Ao fin e ao cabo... "Todos somos roedores"

Compartir: