TURISMO

Intensa campaña de promoción das Cidades Patrimonio en Estados Unidos

21/11/2014 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade acaba de concluír unha intensa campaña de promoción dos seus destinos culturais nos Estados Unidos, que se desenvolveu do 17 ao 20 de novembro, con presentacións dos seus destinos nos estados norteamericanos de California e Florida. Esta campaña, que se realizou en colaboración con Turespaña a través das súas oficinas de turismo en Los Ángeles e Miami, contou tamén coa participación de Madrid Destino, entidade que xestiona a promoción turística da capital española.

Técnicos do Grupo e do Concello de Madrid foron os encargados das presentacións e as reunións de traballo con preto de 250 profesionais do sector, entre xornalistas, axencias de viaxes e turoperadores de Los Ángeles, Orlando e Tampa, co fin de que estes profesionais do sector puidesen coñecer de primeira man a oferta turística e cultural da capital e das 15 cidades que compoñen o Grupo: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Estados Unidos, especialmente os seus estados con raíces hispanas, é un dos mercados estratéxicos do destino Madrid e das Cidades Patrimonio como o primeiro emisor de turismo internacional á capital, porta de entrada para unha gran parte de viaxeiros que posteriormente se desprazan ás 15 cidades Patrimonio Mundial declaradas pola UNESCO.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e a cidade de Madrid veñen colaborando dende hai case unha década para promover a súa imaxe de xeito conxunto, co obxectivo de difundir a súa oferta turística fóra de España e aumentar o seu fluxo de visitantes internacionais. As accións derivadas desta alianza desenvolvéronse sempre en dous dos seus principais mercados: Estados Unidos e Xapón. Ademais da realización de campañas promocionais en cada un destes países, da man da rede de axencias de viaxe premium de Virtuoso e do turoperador xaponésJTB, respectivamente, realizáronse presentacións e encontros de traballo nas cidades de Tokyo, Osaka e Nagoya. O ano pasado, coincidindo coa celebración do Ano Dual España-Xapón, realizouse unha xira promocional por Tokyo, Fukuoka e Nagoya, na que participaron un total de 270 axentes de viaxe.

Esta campaña en Estados Unidos está incluída dentro do Plan Operativo de Turismo 2014 do Grupo, que aposta por manter a presenza internacional das 15 Cidades Patrimonio nas feiras máis importantes do mundo, campañas de promoción en mercados maduros como os países europeos, América -con campañas de presentación de produto en Estados Unidos e o Cono Sur- e países emerxentes como Brasil, India, China e Rusia. Estas presentacións compleméntanse coa organización de viaxes de familiarización que permiten a xornalistas e axentes de viaxes de todo o mundo visitar e coñecer de primeira man as cidades, e, en colaboración con Turespaña, presentacións técnicas ante os principais turoperadores de diversos países e accións de visibilidade destinadas a público final capitais europeas.

Compartir: