CONSORCIO

Rematan as obras de retellado da cuberta do claustro da Colexiata do Sar

21/11/2014 A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago iniciou a principios de setembro o retellado parcial da cuberta do claustro da Colexiata do Sar. As obras, destinadas a resolver os problemas de humidades e filtracións que afectaban ao templo, centráronse nos corpos norte, sur e oeste da cuberta do claustro. O orzamento global desta intervención, levada a cabo pola empresa Construcciones Orega, S.L., ascendeu a 54.651,66 euros.

A fundación deste edificio data da primeira metade do século XII, aínda que foi reconstruído no segundo decenio do XVIII tras sufrir un importante derrubamento. No ano 1895 foi declarado Monumento Nacional e na actualidade é o único exemplo do Románico que se conserva na cidade xunto coa Catedral.

Actuacións no corpo norte da cuberta do claustro
Tal como explica a arquitecta do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto, Lourdes Pérez, "a cuberta norte do interior do claustro, que está composta por unha estrutura de madeira, presentaba problemas de impermeabilización, o que provocaba filtracións cara a parte inferior da cuberta que afectaban gravemente á estrutura". Así, impermeabilizáronse os encontros desta cuberta cos muros perimetrais mediante o emprego de pranchas de chumbo.

Por outro lado, os contrafortes de pedra adxacentes a esta cuberta estaban afectados por sucidade e falta de rexuntado, polo que se procedeu á súa limpeza e a repasar o rexuntado das pedras.

Actuacións nos corpos sur e oeste da cuberta do claustro
"En relación ás cubertas dos corpos sur e oeste do claustro, as tellas dos faldróns orientados ás fachadas exteriores presentaban descomposición, roturas e pouca adherencia, de xeito que tiveron que retellarse por completo", sinala a arquitecta.

Estas fachadas tiñan problemas interiores de humidades provocados pola falta dun sistema de recollida de auga da chuvia, polo que se aproveitou esta actuación para colocar un sistema de recollida de pluviais mediante canlóns e baixantes de cobre. Por outro lado, renovouse o acabado de pintura destas fachadas, previa reparación do revoco existente.

Compartir: