ORZAMENTOS

O Concello contará en 2015 cun orzamento de 102,6 millóns de euros, o de maior gasto social e investimento produtivo da lexislatura

21/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, presentaron en rolda e prensa o orzamento do Concello de Santiago para o ano 2015, que ascende a 102,6 millóns de euros. Trátase dun orzamento expansivo que presenta o maior nivel de gasto social e investimento produtivo da lexislatura.

"Penso que estes orzamentos inciden nas necesidades e as preocupacións que ao longo destes meses puiden escoitar por parte dos veciños e da sociedade en xeral de Santiago en materia social, mantemento de rúas, transporte público, limpeza, tráfico, seguridade ou emprego", indicou o alcalde a propósito dunhas contas que "recollen todos estes problemas e tentan aportar solucións".

O Concello disporá en 2015 dun orzamento de 102,6 millóns de euros, case un 2% mais que en 2014, unha diferenza que se eleva ao 8% descontando os gastos non produtivos, isto é, o destinados a operacións financeiras, como é o financiamento da débeda.

Salientou Agustín Hernández que o de 2015 será o orzamento con maior nivel de gasto de toda a lexislatura. Así, en 2011 o orzamento fora de 95 millóns de euros; de 89,8 millóns en 2012; de 93,2 millóns en 2013 e de 100,9 millóns este ano 2014. "Estamos a falar, polo tanto, do orzamento coa maior capacidade de investimento dos últimos cinco anos, o que nos permite seguir camiñando cara a recuperación e consolidación económica do concello, facendo este obxectivo compatible coa política de déficit cero (gastos axustados a ingresos), de redución da débeda e tamén da redución da carga financeira aos cidadáns", indicou.

Renda de Solidariedade
Este orzamento incrementa un 18% o gasto social, que pasa dos 7,5 millóns deste ano aos 9 millóns de euros, o que supón tamén o maior orzamento da lexislatura nesta materia. Estas partidas posibilitarán afondar nas políticas municipais en favor das persoas que mais están a notar a crise económica.

Así, anunciou a creación da Renda de Solidariedade de Santiago para familias con persoas en paro ou con pensión non contributiva, á que se destinará unha partida global de 600.000 euros. Deste xeito, sumadas as prestacións de emerxencia social, a cantidade destinada a axudas directas ás persoas con máis dificultades superará o millón de euros.

Tamén neste eido social, auméntanse un 12% as partidas para prevención e integración e as bolsas de comedor. Igualmente, increméntanse un 14% as subvencións nominativas destinadas ás asociacións que se dedican á asistencia social.

As partidas destinadas a mantemento e mellora de colexios, garderías e instalacións deportivas medran un 30%, e o Concello destinará 1,1 millóns de euros a programas e políticas activas de emprego, especialmente en materia formativa.

O alcalde destacou tamén o incremento do orzamento destinado a seguridade e mobilidade, que pasa dos 7 aos 11 millóns de euros, un 54% máis. Segundo explicou, "este esforzo permitirá, entre outras cuestións, a conxelación do prezo do billete de autobús, así como a renovación e modernización da flota coa adquisición de 11 autobuses urbanos. Tamén se contemplan partidas para continuar coa renovación da flota dos Bombeiros, Policía Local e Protección Civil".

Incremento dun 20% do gasto en investimento produtivo
Se significativo é o incremento en gasto social e en seguridade e mobilidade, máis aínda o é o 20% do gasto en investimentos produtivos, pasando de 9,9 millóns de euros en 2014 aos 11,9 millóns do vindeiro ano. "Trátase da maior capacidade investidora dos últimos catro anos, que permitirá acometer obras de importancia singular no casco urbano e nos barrios, así como levar a cabo un plan de choque de actuacións urxentes", apuntou.

Neste capítulo dos investimentos, o alcalde detívose especialmente en tres actuacións estratéxicas: a reforma do Auditorio de Galicia, a reforma integral das instalacións deportivas de San Lázaro e a Estación Intermodal, que suman 8 millóns de euros, con partidas concretas para 2015 que permitirán iniciar estas actuacións e as correspondentes plurianualidades que garantirán o seu remate.

Outra das prioridades deste orzamento é a aposta pola dinamización turística da cidade, cun total de 2,8 millóns de euros destinados a Incolsa-Turismo de Santiago. "É necesario salientar o esforzo do Concello e a súa aposta por apoiar un dos sectores estratéxicos da nosa cidade, xa que dende o ano 2013 triplicouse o orzamento destinado a potenciar o turismo", explicou a este respecto.

Por último, citou as medidas no eido da función pública, como a primeira oferta pública de emprego nos últimos anos para reforzar os corpos de Bombeiros e da Policía Local.

Todos estes incrementos de partidas estratéxicas enmárcanse nunhas contas que, non obstante, continuarán a senda da estabilidade orzamentaria e do déficit cero, que "entendemos que é o camiño correcto para a recuperación económica e o saneamento das contas do Concello". Ademais, permitirán seguir reducindo a débeda financeira por habitante, que en xaneiro de 2011 estaba en 676 euros e que en 2015 se situará nos 432 euros, un 40% menos que ao comezo da lexislatura.

En tempo e forma
O alcalde amosouse "orgulloso" de ter presentado estes orzamentos "en tempo e forma", cumprindo un dos compromisos asumidos no seu nomeamento. Neste sentido, lembrou que "é a primeira vez dende 1995, é dicir, en vinte anos, que se presentan os orzamentos no mes de novembro para a súa aprobación inicial". Por iso, agradeceu ao equipo de concelleiros do Goberno municipal o seu traballo para elaborar estas contas en catro meses e medio.

Estes orzamentos serán sometidos á aprobación do Pleno na sesión ordinaria do venres 28 de novembro. Logo do período de exposición pública, volverán ao Pleno para a resolución de alegacións e aprobación definitiva, entrando así en vigor en xaneiro.

Compartir: