CULTURA

Concerto do Mississippi Mass Choir dentro dos ciclos Os Grandes do Gospel e Sons’14

19/11/2014 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou esta mañá Os Grandes do Gospel xunto a Luis Manjarrés, promotor do evento. Na rolda participaron tamén Mario Vega Ramírez, do Teatro Colón da Coruña; Luciano Fernández do Pazo da Cultura de Narón; e Olga Mojón do Teatro Principal de Ourense, todos eles lugares onde tamén haberá concerto dentro desta xira.

O concerto de Santiago será o 17 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Abanca, enmarcado tamén no ciclo Sons’14. Nel poderemos escoitar o Mississippi Mass Choir, que celebra este ano o seu 25º aniversario. As entradas, a un prezo de 20 euros no anfiteatro 2 e 25 € no patio de butacas e anfiteatro 1, están á venda na billeteira do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

The Mississippi Mass Choir fúndase en 1988. O coro gañou varios premios polas súas contribucións á música Gospel e realizou numerosas xiras por Estados Unidos, Europa, Xapón e América Latina. Frank Williams, membro dos lendarios Jackson Southernaires e executivo da división de música Gospel de Malaco Records, é o fundador de The Mississippi Mass Choir. O director musical é David R. Curry.

O coro gravou o seu primeiro disco, The Mississippi Mass Choir Live, o 28 de Outubro de 1988 no Jackson Municipal Auditorium. Na primavera do 89, con só cinco semanas no mercado, situouse no Nº 1 da lista de música gospel de Billboard. O disco tamén foi Nº 1 na lista de Cash Box.

Neste mesmo ano, The Mississippi Mass Choir foi votado Coro do Ano e Mellor Novo Artista do Ano na Reunión Anual James Cleveland de New Orleans. En 1989, o coro recibiu catro premios da Stellar Awards: Coro do Ano, Disco do Ano, Mellor Novo Artista e Mellor Vídeo de Gospel. Tamén foi premiado en varias categorías nos premios Soul Train Music.

O 8 de decembro de 1990 The MMCh gravou o seu segundo disco en directo, God gets the glory, no Coliseum de Mississippi, ante 8.000 seguidores. Este disco tamén foi Nº 1 en Billboard. En 1992, o coro recibiu o Premio Stellar ao Mellor Coro do Ano. Billboard distinguiu a God gets the glory como Mellor Disco Gospel do Ano.

En xaneiro de 1993, o coro grava o seu terceiro álbum, It remains to be seen, que tamén foi Nº 1 en todo Estados Unidos. Deste disco vendeuse medio millón de exemplares.

Foron premiados co Grammy ao Mellor Coro de Gospel en 1997. Os seus discos I’ll see you in the rapture (1998) e Enmanuel (1999) alcanzaron os primeiros postos nas listas de Billboard. No ano 2000 estiveron nomeados aos premios Grammy, Stellar, Soul Train e Dove.

No 2000 foron incluídos no Mississippi Hall of Fame e comezaron a súa participación na Mississippi, Believe It! Campaign. Na súa xira de verán 2001 foron aclamados no Festival Castell de Peralada e na xira de decembro de 2002 actuaron no Kursaal de San Sebastián -onde fixeron dúas funcións por esgotarse as entradas para a primeira representación- Centro Cultural de la Villa de Madrid e Palau da Música de Barcelona.

No seu tour europeo de decembro 2006, Mississippi Mass Choir, dirixido por Mr. David Curry, presentou Singing Gospel Christmas, o seu novo programa enteiramente dedicado ás cancións do Nadal.

No 2008, MMC celebrou o seu vixésimo aniversario con The first twenty years, unha recompilación do seus éxitos en audio e DVD, con entrevistas a membros da coral e, en 2010, a agrupación foi novamente distinguida cun Stellar Gospel Music Awards na categoría Thomas Dorsey Notable Achievement Award.

A xira europea de decembro de 2010 culminou cun concerto para 20.000 persoas en Santa Cruz de Tenerife na noite de Nadal. Por primeira vez na historia musical europea, unha coral afroamericana interpretaba coa Orquestra Sinfónica de Tenerife un programa de gospel.

No 2011 foron convidados a visitar Sudáfrica pola ICAN Foundation para participar no Día Nacional da Mocidade.

Seis concertos
En total serán seis concertos os programados no ciclo Os Grandes do Gospel, que se celebrarán en diversos lugares, todos ás 20:30 horas:

• 12 de decembro: Soweto Gospel Choir, no Centro Cultural Afundación, en Vigo.
• 17 de decembro: Mississipi Mass Choir, no Auditorio Abanca, en Santiago.
• 18 de decembro: Mississipi Mass Choir, no Pazo da Cultura de Narón.
• 18 de decembro: Marlena Smalls & The HGC, no Centro Social Afundación, en Pontevedra.
• 21 de decembro: Georgia Mass Choir, no Teatro Principal de Ourense.
• 23 de decembro: Mississipi Mass Choir, no Teatro Colon da Coruña.

Compartir: