ALCALDÍA

O alcalde agarda que o Congreso SEC 2014 poña de relevo o importante labor realizado en Compostela no eido da cardioloxía

30/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou o Congreso das Enfermidades Cardiovasculares, que se celebra no Palacio de Exposicións e Congresos do 30 de outubro ao 1 de novembro. Máis de 3.000 especialistas participan nesta cita, que contará con más de 140 sesións e unhas 1.000 comunicacións.

Agustín Hernández aproveitou a súa intervención para lembrar a "longa tradición médica" de Compostela, ligada nas súas orixes ao antigo Hospital Real dos Reis Católicos, hoxe Hostal dos Reis Católicos. "Nesas instalación, xunto á veciña Facultade de Medicina, desenvolveu o seu labor, entre a ciencia e o humanismo, a chamada Escola Médica Compostelá, nacida no século XIX, decisiva como o papel da propia Universidade compostelá na evolución da calidade sanitaria e asistencial de Santiago", lembrou.

Hoxe, indicou, "as actividades relacionadas coa saúde seguen a ser un dos máis destacados sinais distintivos desta cidade, ao que contribuíu a potenciación dun sistema sanitario público de vangarda, dotado de infraestruturas punteiras, como o Complexo Hospitalario Universitario, e de profesionais de primeiro nivel nas especialidades médicas". En particular, destacou o Servizo de Cardioloxía, área na que "despunta o labor asistencial, docente e investigador que aquí se leva a cabo para loitar contra as enfermidades cardiovasculares, que se converteron na principal causa de morte da nosa sociedade".

Agustín Hernández expresou a súa certeza de que este Congreso "axudará a por de relevo ese importante labor en materia de cardioloxía que se desenvolve na nosa cidade, que tan ben representa o doutor González Juanatey, presidente da Sociedade Española de Cardioloxía e alma máter deste Congreso". Referiuse á calidade do programa e indicou que, para Santiago, "é un gran honor albergar unha cita desta transcendencia e desta repercusión sobre a situación e os avances na medicina cardiovascular".

O alcalde agarda que, ademais do seu valor profesional, o Congreso sirva para "concienciar á poboación sobre a importancia da prevención, do recoñecemento dos factores de risco e dos síntomas dunha enfermidade en ascenso no noso modelo de sociedade".

Compartir: