CIDADES PATRIMONIO

As Cidades Patrimonio de España inauguran a exposición "15 fotógrafos, 15 cidades únicas"

29/10/2014 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España aposta nesta ocasión pola fotografía, dando cabida á especial mirada de 15 fotógrafos que foron elixidos, despois dun arduo proceso de selección, polos seus magníficos traballos fotográficos en torno a cada unha das cidades españolas incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Esta exposición, que comeza a súa andadura na cidade que ostenta agora a presidencia do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade, Alcalá de Henares, percorrerá as quince cidades que conforman este Grupo a razón de 30/40 días en cada unha delas. A mostra inaugurarase no Antigo Hospital de Santa María La Rica, en Alcalá de Henares, este venres 31 de outubro

15 fotógrafos, 15 cidades únicas é un bo exemplo do traballo en rede que as Cidades Patrimonio ven realizando dende hai 21 anos, no que se fai patente que a unión entre cultura e patrimonio é un sinal de identidade para estas cidades, como marca dunha oferta de turismo cultural de calidade. A visión que estes 15 artistas ofrecen das Cidades Patrimonio, coas súas miradas subxectivas e persoais, descubrirán ao público novos aspectos que van más alá dos escenarios históricos e mostrará que son, sobre todo, cidades habitadas, nas que un estilo de vida diferente se ofrece a quen se achega a elas e as descubre.

A selección das 60 obras que forman a mostra correu a cargo do seu comisario, Miguel López, director da Fundación Antonio Saura de Cuenca, que afirma ter atopado grandes problemas á hora de elixir entre numerosos fotógrafos das 15 cidades, que forman parte dun colectivo amplo e rico que dá testemuño de que a fotografía española actual vive un momento intenso, enchido de creatividade e bo facer.

A selección das fotografías, por isto, buscou un enfoque ou unha mirada particular, primando sobre todo o valor artístico e plástico da obra, afastándose das miradas tópicas e típicas, intentando chegar a aspectos íntimos de cada cidade a través dos ollos e das cámaras dos fotógrafos que as habitan ou as senten como súas.

Os fotógrafos presentes na exposición son, por cidades: Alcalá de Henares, Fernando Villar; Ávila, Ramón Martinlaruina; Baeza, Antonio Tornero; Cáceres, Elena Cajal; Córdoba, Francisco González; Cuenca, Santiago Torralba; Ibiza-Eivissa, Joan Costa; Mérida, José María Colomo; Salamanca, Javier Calvo; San Cristóbal de la Laguna, Teresa Arozena; Santiago de Compostela, Fuco Reyes; Segovia, José María Diez "Pototo"; Tarragona, Pep Escoda;Toledo, Roberto Gómez; e Úbeda, Miguel López.

Tras Alcalá de Henares, a mostra continuará o seu percorrido polas outras 14 cidades do Grupo, prolongándose a súa itinerancia ata comezos de 2017.

GCPHE
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural das 15 cidades que a integran, así como na súa promoción turística nacional e internacional.

Forman o Grupo as cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda, todas elas recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio Mundial.

Compartir: