CONSORCIO

Unha exposición reúne 60 fotografías que ilustran a gama de cores de Santiago

28/10/2014 O Consorcio de Santiago inaugurou a exposición Gold, green and black no soto do Museo das Peregrinacións e de Santiago. A mostra reúne 60 fotografías que ilustran a gama de cores tan característica da cidade compostelá. Son imaxes dos fotógrafos galegos Alberte Peiteavel, Adolfo Enríquez e Tono Arias e da deseñadora Uqui Permui, directora da montaxe. Ao acto de inauguración asistiron, ademais dos autores, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Cultura, María Antón.

A través desta iniciativa, o Consorcio de Santiago pretende presentar "a cidade na que, día a día, miles de persoas transitan polas súas rúas e prazas. Gold, green and black (Ouro, verde e negro) permite que nos somerxamos na cidade e gocemos das cores que a visten nos diferentes momentos do día, durante a noite, con sol e tamén con choiva".

Tal como indica Uqui Permui, "nesta cidade a pedra recóbrea como unha pel que muda dependendo da luz, nunca está coa mesma cor, por iso é tan especial e tan interesante de descubrir. Só cando a percorres de noite baixo a choiva podes quedar prendido polas luces escintilando no chan; ou só cando espertas antes que a cidade podes descubrir como brilla o branco das poucas paredes pintadas ou o dourado das pedras cos primeiros raios".

Permui sinala que "estas fotografías empuxáronme a ver a cidade dende outra perspectiva. Subín á Torre da Carraca, e alí, dende a estrutura montada para restaurala, contemplando as liñas que constrúen o plano da cidade, pensei en contar como cambia de cor a cidade, intentar analizar o seu círculo cromático, cos seus múltiples matices". A mostra inspírase ademais na reflexión que Luís Seoane fixo no seu día dende Bos Aires referíndose a Compostela: "e alí, entre as vellas pedras cubertas de liques, ouro, verde e negro, as fachadas románicas e barrocas, chuvia e néboa, acendéronse os meus primeiros soños…".

A exposición poderá visitarse ata o 31 de decembro; de martes a sábado, polas mañás de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes de 17:00 a 21:00 horas (a partir do 1 de novembro comeza o horario de inverno, que pasa a ser de 16:00 a 20:00 horas). Os domingos o museo abre de 11:00 a 14:00 horas e os luns permanece pechado.

Compartir: