ALCALDÍA

O Concello aproveitará unha campaña de educación viaria para pulsar a opinión das persoas maiores sobre a mobilidade urbana

28/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu o acto de presentación do programa de Educación Viaria Mobilidade sénior, o camiño de todos, dirixida a un dos grupos máis vulnerables en canto os accidentes de tráfico como son as persoas maiores. Esta iniciativa, organizada polo Concello de Santiago e a Fundación Real Automóbil Club de España (RACE), inclúe varias actividades para grupos de persoas maiores, a desenvolver entre o 28 e o 31 de outubro no parque da Alameda.

Agustín Hernández destacou a necesidade de campañas como esta, centradas na seguridade dos peóns de máis de 65 anos nos seus desprazamentos pola cidade. Neste sentido, lembrou que, no conxunto de España, este colectivo representa o 33% dos falecementos por atropelos en vías urbanas e o 30% do total de falecidos en accidentes de tráfico.

"Mentres as estatísticas van mellorando para o conxunto da cidadanía, no caso das persoas maiores iso non é así", dixo, apuntando que, en España, no período 2009-2012, a taxa de falecidos en accidentes de circulación por cada 100.000 habitantes reduciuse nun 30%, pero no caso dos maiores de 64 anos baixou só un 5%.

Da campaña do RACE, salientou que, ademais da súa función educativa, permitirá elaborar un estudo sobre a mobilidade na poboación sénior nos ámbitos urbanos, coa recollida de opinións sobre rúas e cruces, hábitos de mobilidade, percorridos e convivencia cos vehículos. "Para Santiago de Compostela é unha boa oportunidade para pulsar a opinión dun importante colectivo en relación coa situación do tráfico urbano e, de forma moi especial, sobre a percepción existente arredor da necesidade de traballar na potenciación do espazo peonil nas nosas rúas, tarefa na que se está a traballar de forma decidida nos últimos anos", indicou o alcalde.

En Santiago de Compostela, recordou, o colectivo maior de 64 anos aproxímase ao 20% da poboación (18.587 habitantes), o que equivale a un de cada cinco composteláns. "Polo tanto, é un colectivo de gran transcendencia polo seu número e tamén pola súa alta participación nos índices de sinistralidade viaria, o que xustifica unha atención especial neste e noutros ámbitos", engadiu Agustín Hernández.

Concienciación sobre unha mobilidade segura
Unha trintena de alumnos das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal), de entre 50 e máis de 90 anos) participaron como voluntarios nesta xornada inicial da campaña de educación viaria. No acto de presentación tamén participaron, ademais do alcalde, a concelleira de Educación, María Corral; o director de Seguridade Vial da Fundación RACE, Tomás Santa Cecilia; e o director de Comunicación e Responsable de Seguridade Vial de Liberty Seguros, Jesús Ángel González.

A campaña Mobilidade sénior, o camiño de todos ten por obxecto a educación viaria da cidadanía de Santiago e está dirixida a un dos grupos máis vulnerables respecto aos accidentes de tráfico: as persoas maiores. Entre o 28 e o 31 de outubro. a Escola RACE desenvolverá distintas accións para concienciar a poboación con máis de 65 anos sobre unha mobilidade segura, poñendo de manifesto, entre outras, a situación a que se enfrontan os peóns maiores nos seus desprazamentos cotiás dentro da cidade.

Nesta edición, e tendo en conta que o dos maiores é un dos colectivos de maior risco, faise necesario concienciar á poboación sénior da importancia de reducir os riscos nos accidentes de tráfico. Resulta fundamental que as persoas maiores coñezan a limitación da súa mobilidade, a importancia de manter un bo estado de saúde mental e física dentro das súas posibilidades e de respectar as normas de seguridade viaria, en especial na condición de peóns.

O proxecto ten como eixe central unha aula móbil, situada neste caso no parque da Alameda. Alí ofrécese información sobre a seguridade viaria, consellos de adaptación ao contorno urbano, indicacións sobre a utilización dos sistemas de retención infantil, información sobre alimentación saudable ou recomendacións para mellorar a condición física, entre outros temas de interese.

Programa de actividades
Para facilitar a participación dos centros e colectivos que traballan con persoas maiores, organizouse un programa de actividades especialmente deseñadas para este colectivo. En calquera caso, a participación é gratuíta e aberta a toda a cidadanía cando son se produzan visitas concertadas.

Estas visitas organizadas poden solicitarse ao Departamento de Educación a través do correo electrónico dptoeducacion@santiagodecompostela.gal, dos teléfonos 981 554 400/401 ou do fax 981 571 511.

A aula estará aberta o martes, mércores e xoves de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas, e o venres de 10:00 a 12:00 horas. As sesións concertadas realizaranse polas mañás ás 10:00, 11:00, 12:00 e 13:00 horas e, pola tarde, ás 15:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas. As visitas, para grupos de arredor de 35 persoas, teñen unha duración duns 45 minutos.

A Escola RACE conta nesta aula cun equipo de monitores especializados en educación viaria. Integran aos participantes na visita nun espazo informativo denominado "Os catro piares da mobilidade sénior", no que se abordan cuestións como os problemas de mobilidade da poboación sénior da cidade; o papel educativo deste grupo de idade na sociedade actual; a necesidade do exercicio físico para ter unha mobilidade autónoma e consellos para a seguridade viaria.

Posteriormente celébrase unha sesión teórica na aula móbil, de 15 minutos; unha demostración da instalación dos distintos grupos de cadeiras de retención infantil no vehículo e unha enquisa de opinión e suxestións.

Compartir: