ALCALDÍA

O alcalde reivindica o gran potencial de Galicia na matemática aplicada á industria

24/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, recibiu en Raxoi os participantes na XV Conferencia de Decanos, Decanas, Directores e Directoras de Matemáticas, que se celebra en Santiago do 23 ao 25 de outubro.

Esta Conferencia ten lugar na Facultade de Matemáticas da USC, organizadora desta edición, e nela participan máis de 40 responsables das facultades onde se imparten os títulos de Grao de Matemáticas, así como directores e directoras de departamentos de Matemáticas doutros centros. É a primeira vez que se celebra este encontro en Galicia, tomando Santiago o relevo de cidades como Bilbao (2013), Cádiz (2012), Almería (2011), Badaxoz (2010), Mallorca (2009); Logroño (2008), Valencia (2007), Pamplona (2006) e Alacante (2005).

"A matemática é a pedra angular das ciencias, a que está detrás de case todos os avances, a que impulsa a innovación, o desenvolvemento das pequenas e das grandes empresas", apuntou o alcalde durante a recepción no salón vermello do Pazo de Raxoi.

Ademais, aproveitou para reivindicar o "gran potencial que ten Galicia na matemática aplicada á industria". "Estímase que o 50% da transferencia de tecnoloxía matemática á industria nos últimos anos en España realizouse dende Galicia. Niso tivo moito que ver o ITMATI, Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, que xunta o coñecemento e a experiencia dos departamentos de Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas", afirmou.

Compartir: