ALCALDÍA

Santiago cede a Budapest o testemuño da organización de Womex 2015

24/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á cerimonia protocolaria de transmisión da organización de Womex a Budapest, cidade na que se celebrará o vindeiro ano. Recibiu o testemuño o ministro húngaro de Recursos Humanos, Zoltán Balog. A edición 2014 continúa celebrándose en diversos espazos de Compostela ata o vindeiro domingo 26.

Agustín Hernández aproveitou o acto para lembrar os vínculos que, malia a distancia, unen a Santiago de Compostela e Budapest, como "un remoto substrato común céltico, a ocupación romana e a condición de punto de encontro de culturas ao longo dos séculos: no noso caso a través do Camiño de Santiago e no caso de Budapest, froito dunha posición xeográfica estratéxica".

"Únenos tamén un desenvolvemento urbano moi singular no que, ao longo da historia, se foron superpoñendo elementos moi diversos, ata chegar a conformar un conxunto dunha beleza e dunha harmonía admirables", afirmou, lembrando que tanto Budapest como Santiago de Compostela foron incluídas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Santiago polo seu casco histórico e Budapest polas ribeiras do Danubio, pola súa principal avenida Andrássy, onde se enmarcan algúns dose seus máis destacados monumentos, e polo seu metro subterráneo, o segundo máis antigo do mundo".

Referiuse igualmente Agustín Hernández aos programas de recuperación urbana de ambas cidades, que lles valeron ser seleccionadas pola Unión Europea, xunto a Munich, como modelo para outras actuacións a nivel europeo.

"Compartimos tamén unha antiga e continuada tradición cultural e, singularmente, musical, non só no ámbito da música tradicional e popular, senón tamén no ámbito da música clásica", dixo, lembrando que na propia Real Filharmonía de Galicia hai algún músico de procedencia húngara, ao igual que en Budapest hai algún músico galego ensinando música tradicional, tal como se puido comprobar neste Womex 2014..

En definitiva, engadiu o alcalde, "Santiago e Budapest son dúas cidades cun indiscutible atractivo histórico e monumental, cidades dinámicas que irradian actividade e creatividade cultural e que se sitúan moi lonxe dun concepto de cidade-museo". Por iso, en ambas, " a música e a arte adquiren unha dimensión especial e unha exposición como Womex intégrase e poténciase en beneficio da música, da industria cultural, da cidade e do país no seu conxunto".

Ambiente multicultural e máis visitantes
Agustín Hernández desexoulle a Budapest o mesmo éxito que a Feira está a ter en Santiago, onde "xa se constata o cumprimento das previsións realizadas, cun incremento notable de visitantes nas rúas de Compostela e un ambiente multicultural que impregna cada recuncho da cidade". Ese mesmo aire, dixo, "respírase na Cidade da Cultura, que por uns días se converte nun activo núcleo cosmopolita, onde conviven linguas, proxectos, experiencias e sons de todo o mundo":

Lembrando as súas palabras de pola mañá durante a visita á Feira, reiterou que "Womex supón para Santiago e para Galicia unha plataforma para a promoción do noso territorio como punto de referencia internacional de cultura; e non só durante os cinco días desta exposición, porque estou persuadido de que o efecto continuará e se estenderá máis alá dos resultados económicos destes días".

Compartir: