TURISMO

Santiago logra en setembro o seu máximo histórico en pernoctacións internacionais

24/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, cualificou de "contundentes" os datos de ocupación hoteleira de setembro feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Os indicadores reflicten que este mes foi o mellor da historia da cidade en turismo internacional, con 75.248 pernoctacións, o que supón un crecemento do 19,94% respecto de setembro do ano pasado.

Este setembro foi o primeiro mes da historia da cidade no que se superan as 70.000 pernoctacións internacionais. O anterior máximo marcárase en setembro de 2012, con 64.193. O seguintes meses en importancia foran xuño de 2013, con 64.094; setembro de 2013, con 62.740; e maio de 2014, con 61.415 pernoctacións.

Destacou o alcalde que no mes de setembro houbo máis pernoctacións internacionais que domésticas. "Isto non sucedera nunca en Santiago ata maio do 2012; dende entón sucedeu xa en oito ocasións, incluído este mes de setembro", dixo. Neste ano 2014 é a terceira vez que acontece, despois dos meses de maio e xuño. Para Agustín Hernández, "isto indica claramente que Santiago ten cada vez unha maior presencia internacional e que estamos conseguindo dar maior peso ao turismo internacional na demanda turística da cidade".

Máis de 146.000 pernoctacións
O turismo doméstico tamén creceu no mes de setembro, aínda que dun xeito máis moderado que o internacional. Houbo 71.409 pernoctacións de turistas españois, o que representa un aumento do 3,78% respecto do mesmo mes de 2013.

As pernoctacións internacionais e as domésticas suman un total de 146.657, que supoñen un crecemento do 11,49% respecto a setembro do 2013. Este aumento súmase aos crecementos que rexistrados nos meses de xullo (7,53%) e agosto (9,59%). "Estes crecementos consolidan o verán do 2014 como o mellor verán turístico da cidade da última década, salvo o Ano Santo 2010", indicou.

Para o rexedor municipal, estes datos están en consonancia cos datos que do aeroporto de Santiago. No mes de setembro, o tráfico nas conexións internacionais regulares do aeroporto de Santiago foi de 51.558 pasaxeiros. Esta cifra representou un aumento do 31,82% respecto dos 39.111 pasaxeiros que houbo no mesmo período do ano pasado neste tipo de conexións.

En total, entre xaneiro e setembro, as conexións internacionais do aeroporto moveron 362.364 pasaxeiros, un 32,10% máis que no mesmo período de 2013. Así, o aeroporto de Santiago vai camiño de superar por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros anuais nas súas conexións internacionais regulares e conseguir así o obxectivo marcado polo Concello para o 2014. Ata o pasado 2013, o aeroporto nunca conseguira pasar dos 300.000 pasaxeiros nas súas conexións internacionais.

Documentos relacionados



Compartir: