SERVIZOS SOCIAIS

Área Central acollerá o sábado 1 de novembro a terceira edición das Santiago Street Battles

23/10/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, presentou Santiago Street Battles III, Campionato de España de Breakdance na modalidade 1 vs 1, que se celebrará o sábado 1 de novembro, entre as 16:00 e as 21:00 horas, en Área Central.

A terceira edición deste Campionato xa conta a día de hoxe con 70 inscritos, case todos de fóra de Galicia, polo que se agarda chegar aos 100 participantes. A inscrición, gratuíta e aberta ata o 31 de outubro, pode formalizarse a través da dirección de correo electrónico info@vellaescola.com ou a través da web santiagosb.com, onde se pode atopar toda a información sobre estas Santiago Street Battles.

Ademais das propias batallas, haberá dous talleres de breakdance, un de iniciación a cargo de Vella Escola (gratuíto) e outro avanzado da man de Bboy Rudy Rock – Lunaticks Crew (5 euros).

O compostelán CRO será o DJ dunha competición que será avaliada por un xurado integrado por Rule (Santiago), Grazy (Madrid) e Rudy (Barcelona). O gañador levará un premio de 500 euros. O segundo clasificado será obsequiado con 200 euros e o terceiro obterá un agasallo doado por Cultura Urbana Shop.

Final de graffiti do Xuventude Crea 2014
Nesta edición e en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, o evento será tamén de marco da final do concurso de graffiti Xuventude Crea 2014, na que participarán artistas de prestixio da nosa cidade, capaces de transformar calquera espazo, susceptible de ser pintado, nunha obra de arte urbana. Nesta ocasión colocaranse 9 paneis (un total de 30 metros) polo recinto de Área Central e, cunha pouca pintura, técnica e entusiasmo, os graffiteiros amosarán a súa capacidade artística.

Lecer alternativo
As Santiago Street Battles están organizadas e financiada en parte polos propios mozos, a través da Asociación Cultural Vella Escola, asociación que aglutina, potencia e dirixe aos propios mozos que practican estas actividades. O Concello tamén colabora na organización a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) e achega 2.000 euros.

A finalidade última deste evento é a de potenciar unha alternativa de lecer saudable acorde coas inquedanzas e intereses da mocidade, procurando a súa participación activa. Con este obxectivo, a Concellería de Benestar promove actividades de prevención de drogodependencias, enmarcadas dentro dos hábitos de vida saudables, dirixidas á mocidade nos seus espazos de ocio e lecer.

Así, o Concello ven promovendo nos últimos anos diversas actividades da chamada cultural urbana, como como as escolas permanentes de breakdance e skateboard, talleres de DJ`S, de hip hop e de graffiti, etc.

No ámbito do breakdance, organizáronse xa anteriormente dous campionatos de ámbito nacional, na modalidade de 1 vs 1. Á vista do éxito dos mesmos, repítese coa terceira edición das Santiago Streets Battles.

Documentos relacionados



Compartir: