ALCALDÍA

O alcalde destaca que o Plan Director do Camiño marcará as liñas mestras para que o fenómeno xacobeo siga medrando

23/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, como representante da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), participou na reunión da Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño de Santiago. Este documento, que marcará as accións e directrices a seguir por todas as administracións e axentes implicados nas diferentes rutas xacobeas a Compostela, estará listo antes de que remate o ano, segundo anunciou a directora de Turismo e Galicia, Nava Castro.

Agustín Hernández agradeceu á FEGAMP a súa elección para representar aos máis de 100 concellos galegos polos que pasan os diferentes Camiños e valorou que a finais de 2014 poida estar listo este Plan Director do Camiño de Santiago e, en torno a febreiro de 2015, o Plan Estratéxico do Camiño. Grazas a este Plan Director, dixo, "contaremos cunha ferramenta que determinará as accións, as fortalezas e as necesidades que permitan que o fenómeno xacobeo dos Camiños de Santiago siga medrando e contribuíndo ao desenvolvemento da Comunidade Autónoma e ao incremento do número de visitantes".

Este documento, engadiu, fará posible que "todas as administracións e axentes implicados nos Camiños terán claras as liñas mestras de actuación en aspectos como a atención ao peregrino, a ordenación do territorio ou actividade turística, entre outros". Búscase, por exemplo, unha homoxeneización en temas como a sinalética, o embelecemento do Camiño ou as ordenanzas municipais que afecten ao Camiño.

O alcalde aproveitou a súa comparecencia para lembrar que o Concello segue tamén traballando en diversos aspectos relacionados coa ruta xacobea. Así, indicou que, ao longo do primeiro trimestre de 2015, agarda ter aprobado o Plan Especial do Camiño Francés no termo municipal de Santiago. Ademais, estase avanzando nas tarefas de delimitación e mellora do Camiño Portugués e, nos orzamentos de 2015, haberá unha partida para mellora da sinalización do Camiño no casco urbano.

Comisión de Seguimento
Ademais da FEGAMP e de Turismo de Galicia, forman parte da Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Nesta primeira reunión da Comisión, celebrada no Consello Económico e Social de Galicia, a empresa adxudicataria deu conta do traballo desenvolvido ata o momento e a previsión de traballo inmediato. Así, explicou que xa se realizaron numerosas entrevistas a diversas competencias da Xunta de Galicia, dos concellos e do sector turístico.

Este Plan, que contará con dous documentos -o Plan director propiamente dito e un Plan estratéxico de actuación -terá por obxecto revitalizar e promover o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas, a súa infraestrutura e o seu patrimonio e o seu legado inmaterial.

Así, preténdese que o plan contribúa á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que colaboren á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización e á mellora dos servizos turísticos, entre outros cometidos.

Compartir: