TURISMO

Santiago acollerá en setembro de 2015 o XVIII Congreso Nacional de Psiquiatría

21/10/2014 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou o XVIII Congreso Nacional de Psiquiatría, que se celebrará do 24 ao 26 de setembro no Palacio de Congresos de Galicia. Esta será a segunda ocasión na que Santiago acollerá este evento. Na primeira ocasión, en 2007, o Congreso reuniu máis de 2.400 especialistas.

O programa deste Congreso, organizado pola Sociedade Española de Psiquiatría e a Sociedade Española de Psiquiatría Biolóxica, incluirá todas as achegas científicas novidosas e relevantes en materia de psiquiatría. Exporanse os últimos avances en xenética, bioloxía, neurofisioloxía, neuroimaxe e neuropsicoloxía aplicados ao coñecemento das causas da enfermidade mental.

Tamén terán cabida as novidades en epidemioloxía dos trastornos mentais e intervencións terapéuticas de prevención, rehabilitación e reinserción social das persoas que padecen enfermidade mental. Igualmente, falarase sobre novos métodos de diagnóstico e clasificación das patoloxías psiquiátricas e a innovación na organización e xestión dos dispositivos asistenciais de psiquiatría e saúde mental.

En liñas xerais, o Congreso pretende favorecer a integración dos temas que realmente lle importan ao clínico no quefacer diario, cos traballos de investigación, para espertar o interese da maioría dos psiquiatras e dar lugar a debates enriquecedores.

As achegas ao congreso efectuaranse en diferentes formatos, como simposios oficiais, simposios satélites, simposios especiais, talleres, comunicacións pósters, cursos e mesas de debate, para permitir a participación e dar voz ao maior número de psiquiatras.

Tamén haberá espazo para temas divulgativos como a presentación de libros, os esforzos de diferentes colectivos sociais e da Administración para mellorar a calidade de vida e abolir o estigma dos enfermos mentais ou as políticas educativas en materia de saúde mental.

Paralelamente ao Congreso e durante toda esa semana, realizaranse actividades de portas abertas para a poboación xeral, sobre a enfermidade mental e as súas circunstancias clínicas, familiares e sociais, o que supón unha novidade neste tipo de eventos.

Recuperación do turismo de congresos
Aproveitando a presentación deste evento, Reyes Leis apuntou que, "neste 2014 estamos vivindo unha recuperación do sector de congresos e eventos na cidade, que está influíndo positivamente nos resultados de pernoctacións na cidade neste ano". Así, citou setembro e outubro como meses cun volume considerable de congresos e eventos dun tamaño considerable: XXXVIII Encontro Anual da Asociación Europea de Tiroides, VII Encontro Internacional de Biotecnoloxía (BioSpain), final da Volta Ciclista a España, Womex (do 22 ao 26 de outubro) e Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía (27 de outubro ao 1 de novembro).

"Pensamos que a captación destes eventos é a demostración palpable de que Santiago está recuperando a súa posición como destino congresual. A confirmación de que Santiago acollerá de novo o Congreso Nacional de Psiquiatría é unha proba máis desta recuperación", indicou a concelleira, que estivo acompañada na rolda de prensa de Francisco Vidal, presidente do Congreso; Mario Páramo, vicepresidente; e Belén Montero, xerente do Palacio de Congresos de Galicia.

Compartir: