REFUXIO DE ANIMAIS

O Concello iniciará unha campaña en parques e centros socioculturais para fomentar a adopción e acollida de animais

18/10/2014 A concelleira de Desenvolvemento Urbano e Sostible, Teresa Gutiérrez, anunciou que a partir do vindeiro mes de novembro comezará unha campaña de concienciación da sociedade cun plan de actividades nos parques e centros socioculturais para fomentar a adopción e acollida de animais.

Teresa Gutiérrez visitou as instalacións do Refuxio de Animais de Bando, onde se reuniu con persoal que traballa nas instalacións e onde tomaron esta decisión co fin de seguir fomentando as adopcións e as acollidas e de informar sobre os servizos que na actualidade está a ofrecer o Refuxio.

A Fundación Refuxio de Animais é unha entidade sen ánimo de lucro que iniciou a súa traxectoria en 2006. Na actualidade é centro de acollida municipal dos concellos de Santiago, Teo e Vedra.

Dende o seu inicio ingresaron 9.675 animais, ocupándoo diariamente uns 450. Emprázase nunha parcela de 15.000 metros cadrados, dos cales 8.037 son de instalacións, aos que se suman 1.037 metros cadrados máis con canís.

En total, cinco coidadores, unha administrativa, unha directora técnica e veterinaria, así como un extenso número de colaboradores voluntarios, socios e padriños/madriñas, encárganse do seu bo funcionamento desenvolvendo actividades de formación a donos e futuros propietarios de animais, así como actividades de socialización e adestramento. Tamén colaboran con asociacións como, Sarela, Centro Psiquiátrico de Conxo ou Aspas e desenvolven actividades didácticas con centros de ensino.

Ingresos e saídas
En 2013, ingresaron un total de 773 animais do cales 494 son cans (276 machos e 218 femias). No que levamos de ano –ata o 30 de setembro- foron 370 (214 machos e 156 femias.

O número de gatos de novo ingreso no que levamos de ano está en 197 (82 machos e 115 femias) fronte aos 274 de 2013. Segundo os técnicos, estabilízase a tendencia descendente dende 2014, estimando 263 ingresos para o global do ano.

En canto ás saídas estimadas para 2014 son 717, lixeiramente inferiores ao ano anterior. Ata o 30 de setembro de 2014 atoparon fogar (adopción, acollida, padriño/madriña acolledores…) 271 animais. Os estimados 163 animais recollidos polo dono supoñen un incremento importante en porcentaxe e unha cifra similar aos anos de maiores ingresos, o que indica o grao de coñecemento da instalación.

O número de animais falecidos, 59 estimados para este ano, marca unha continua redución dende o comezo da actividade, o que garante a calidade do servizo prestado aos animais e a súa continua melloría, tendo en conta que estamos a falar de animais enfermos, feridos ou abandonados.

Compartir: