XUNTA DE GOBERNO

Compostela suma novos proxectos cara a súa configuración como cidade intelixente

17/10/2014 A Xunta de Goberno acordou o texto dun convenio a subscribir con catro empresas dedicadas ao desenvolvemento de aplicacións de I+D+i, para establecer un marco estable de colaboración dirixido a constituír un banco de probas de proxectos intelixentes aplicables no ámbito das actividades e funcións da Administración municipal. Así, o Concello segue a sumar proxectos en prol da configuración de Santiago de Compostela como cidade intelixente (smart city).

As empresas coas que se formaliza o convenio son Enxeñeiros e Arquitectos Consultores IDOM, dedicada a servizos de enxeñería, arquitectura e consultoría; Carrocería Castrosúa, que se ocupa do deseño, fabricación e comercialización de autobuses; Tredess 2010, do ámbito da videosupervisión e análise intelixente de vídeo; e Televés, orientada aos equipos de infraestrutura e distribución de servizos de telecomunicacións. O convenio, que ten unha vixencia anual prorrogable, non comporta ningún tipo de contraprestación económica por parte do Concello.

A colaboración municipal vai dirixida a analizar e resolver as propostas presentadas e poñer a disposición, para o desenvolvemento de proxectos, espazos, infraestruturas e activos municipais que sexan técnica e economicamente viables.

Pola súa parte, as empresas comprométense a presentar ideas de proxectos e aplicacións para o ámbito dunha cidade intelixente (smart city), analizar as propostas que poida presentar o Concello, desenvolver polo menos un demostrador de aplicacións e compartir coa Administración municipal as conclusións das probas realizadas a través destes demostradores.

Sustentabilidade e calidade de vida
Tal como explicou o alcalde, "esta colaboración enmárcase no rumbo emprendido polo Concello de Santiago cara a un novo modelo de planificación e xestión intelixente, que integre a tecnoloxía nun enfoque estratéxico de cidade para a sustentabilidade e calidade de vida dos cidadáns".

Este proxecto súmase así a outros xa postos en marcha nesta dirección. Onte mesmo, asinábase un convenio de colaboración cun consorcio de empresas locais de I+D+i para a redución de emisións de CO2, no marco do proxecto Zero Emissions Cities (ZEC). Esta iniciativa permitirá adoptar medidas de mellora da xestión enerxética e deseñar luminarias para os sistemas de alumeado público e mobiliario intelixentes.

O obxectivo principal do proxecto é o deseño e posta en marcha dunha ferramenta de medición instantánea da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética, para a xestión de infraestruturas asociadas aos servizos municipais. No cálculo consideraranse elementos como o consumo eléctrico ou de combustibles e a achega de enerxías renovables.

Convenios culturais
Seguindo con convenios, pero neste caso no ámbito cultural, a Xunta de Goberno aprobou nove con outras tantas entidades, a fin de contribuír á realización de actividades culturais. O importe total dos acordos suma 28.515 euros, que se distribúen do seguinte xeito:

- Padroado do Museo do Pobo Galego, 9.180 €, para diversas actividades a realizar ao longo de 2014).
- Fundación Compostela Arquitectura, 1.500 €, para o programa Compostelas 14 en San Martiño Pinario.
- Sala Capitol, 9.000 €, para promoción de artistas a través da segunda edición do ciclo de concertos AVIVA.
- Asociación Cultural Francisco Asorey, 2.000 €, para actividades relacionadas co 125 aniversario do escultor.
- Asociación Cultura Rocha Forte, 2.000 €, para diversas actividades incluídas na súa memoria 2013-2014.
- Asociación Cultural O Galo, 2.000 €, para varias actividades ao longo do ano.
- Asociación do Traxe Galego, 3.825 €, para actividades relacionadas coa difusión do traxe tradicional.
- Fundación Castelao, 300 €, para varias actividades, entre elas a creación dunha páxina web.
- Asociación Cultural Cidade Vella, 8.190 €, como axuda para gastos do Festival Feito a man.

Campaña de educación viaria
Na sesión da Xunta de Goberno tamén se deu o visto bo á colaboración co Real Automóbil Club de España (RACE) para desenvolver unha nova campaña de educación viaria. Nesta edición leva por título Mobilidade sénior, o camiño de todos.

Trátase dunha campaña dirixida preferentemente a persoas maiores de 65 anos. Inclúe para a súa realización unha aula móbil e un parque temático que se instalarán na Alameda compostelá a partir do luns 27 de outubro.

A campaña realizarase entre o martes 28 e o venres 31 en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 19 horas, agás o venres, que rematará ás 13:30 horas.

As sesións desenvolveranse en grupos de arredor de 25 persoas e durarán uns 60 minutos. Haberá un espazo informativo sobre os problemas de mobilidade das persoas maiores, o papel educativo do maior na sociedade actual, a necesidade de exercicio físico e consellos para a seguridade viaria.

Documentos relacionados



Compartir: