CONSORCIO

Nenos de entre 6 e 12 anos poderán construír a Compostela actual e futura con materiais reciclados no Museo das Peregrinacións

16/10/2014 O Consorcio de Santiago vai celebrar no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede Praza das Praterías) un total de 36 obradoiros didácticos para nenos, todas as fins de semana dende outubro ata mediados do mes de decembro. Esta iniciativa diríxese a rapaces de entre 6 e 12 anos. Ten como obxectivo achegar a historia de Compostela aos máis pequenos, mediante experiencias lúdicas e enriquecedoras artelladas en torno a unha serie de propostas diferentes.

Todos os obradoiros teñen unha duración de entre unha hora e media e dúas horas. Cada sábado programaranse dous talleres, que pola mañá comezarán ás 12:00 horas e pola tarde ás 18:00 horas. E os domingos tamén haberá un obradoiro ás 12:00 horas.

Cada taller ten un custo de 3 euros e será necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no número de teléfono 981 566 110 ou tamén una propia recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Tesouros agochados nun labirinto
Esta fin de semana haberá tres propostas diferentes. O sábado 18 de outubro, ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro titulado "Construímos cidade". Os máis pequenos terán a oportunidade de construír unha nova Compostela empregando materiais reciclados da vida cotiá. Así, coa aportación de todos os participantes, poderase ter unha visión do Santiago actual e tamén do futuro dende unha mirada diferente.

Tamén o sábado, pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase o taller "Un labirinto en Compostela". Nesta ocasión as salas do museo converteranse nun labirinto. A través dunhas coordenadas, os rapaces terán que buscar os tesouros agochados e, por medio de diferentes pistas, conseguir chegar á meta coa axuda dun GPS.

A Compostela medieval
O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o obradoiro "Sopa medieval". Comezará cunha breve visita á exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII. Logo de achegarse ao ordenamento urbanístico da Compostela medieval, os rapaces buscarán en grupo os principais nomes -como os das portas da antiga muralla- e lugares dos grandes momentos históricos que viviu a cidade nunha gran sopa de letras.

Compartir: