ALCALDÍA

Concello e empresas locais buscarán unha ferramenta para mellorar a xestión enerxética das infraestruturas dos servizos municipais

16/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asinou esta mañá un convenio de colaboración cun consorcio de empresas locais de I+D+i para a redución de emisións de CO2, no marco do proxecto Zero Emissions Cities (ZEC). Esta iniciativa permitirá adoptar medidas de mellora da xestión enerxética e deseñar luminarias para os sistemas de alumeado público e mobiliario intelixentes.

Este proxecto ten por obxectivo principal o deseño e posta en marcha dunha ferramenta de medición instantánea da pegada de carbono e da taxa de retorno enerxética, para a xestión de infraestruturas asociadas aos servizos municipais. No cálculo consideraranse elementos como o consumo eléctrico ou de combustibles e a achega de enerxías renovables.

O instrumento que saia deste proxecto facilitará a adopción de medidas para a redución do consumo pola vía do aforro e a autoxeración de enerxía, que redundará nunha diminución das emisións de CO2 na cidade. Fixaranse obxectivos de redución, dende os que construír políticas de diminución e compensación da pegada de carbono.

O proxecto ZEC, cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación no marco da convocatoria de axudas CONECTA PEME 2014, conta coa participación das pemes Serviguide Consultoría, Bahía Software, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Tecnologías Plexus e SETGA, e co apoio científico e técnico do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) e do Grupo de Enxeñería Ambiental e Bioprocesos (USC).

O carácter multidisciplinar dos socios do proxecto facilitará a análise das alternativas técnicas estratéxicas necesarias para desenvolver e asegurar a funcionalidade do sistema final: establecer modelos matemáticos de cálculo de emisións, despregar unha rede de sensores nos puntos de demanda enerxética, capturar e transmitir os valores e datos medidos e ofrecer unha plataforma software que integre esta información cara o usuario e o apoie na toma de decisións, así como deseñar un modelo de luminarias que mellore o desempeño enerxético dos sistemas de alumeado público e outros elementos de mobiliario urbano eco-eficientes.

En virtude do convenio asinado, o Concello autorizará a instalación dos aparatos de medición en determinados vehículos da flota municipal e nas súas instalación, ademais de permitir a recollida de datos, ben sexa a través de visitas técnicas de inspección como doutro medio automático.

Para asegurar a idoneidade do sistema en base ás instalación e infraestruturas municipais, contémplase un período de proba nun entorno real. Así, seleccionouse o Multiúsos Fontes do Sar como instalación piloto.

Compartir: