DEPORTES

Xornada saudable e solidaria polas zonas verdes de Compostela

05/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou na XIII Camiñada ao Pedroso, andaina solidaria organizada polo Club Deportivo Fontiñas a beneficio de UNICEF con saída na praza do Obradoiro e chegada na Granxa do Xesto. Tamén durante a mañá celebrouse na Alameda a I Carreira de Obstáculos pola Saúde, organizada polo Grupo de Saúde Pública da Asociación de Estudantes de Medicina ME.I.GA.

A XIII Camiñada ao Pedroso percorreu os parques de Galeras, Finca do Espiño, Auditorio de Galicia e Vite, chegando ata Ponte Mantible, onde os participantes puideron contemplar o antigo acueduto que subministraba auga á cidade. Dende alí seguiuse cara Guadalupe e Cima da Eira -lugar no que os camiñantes observaron uns lavadoiros tradicionais- e cara Monte de Deus, coas súas singulares vistas da cidade, do Pedroso e do Val da Mahía. Tocou logo baixar ao Romaño e, por camiños tradicionais, remontar as faldras do Pedroso, finalizando o percorrido na Granxa do Xesto.

A participación nesta proba custaba 5 euros, destinados na súa totalidade aos programas de UNICEF.

Obstáculos pola saúde
Por outra parte, a I Carreira de Obstáculos pola Saúde pretendía concienciar á poboación sobre os bos hábitos de saúde e os riscos resultantes da falta dunha vida saudable. Combináronse probas que facían mención ás enfermidades máis incidentes na poboación actual. Así, os obstáculos emularon os efectos do tabaco, do colesterol/obesidade a través da dificultade de atravesar unha arteria arterosclerótica ou os efectos do alcohol sobre a coordinación motora.

A proba comezou e finalizou no parque da Alameda. Percorreu distintas zonas verdes de Alameda, Campus Sur, Finca do Espiño, parque de Galeras e paseo do río Sarela.

O evento incluíu actividades complementarias, con talleres informativos, medición de variables médicas como a glicemia, a tensión arterial ou o índice de masa corporal (IMC), así como na formación práctica en técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a promoción da vacinación, tratando de disipar todas as dúbidas que existen actualmente ao respecto, dende un punto de vista científico e clínico.

Compartir: