DEPORTES

O parque da Alameda acolle este domingo a I Carreira de Obstáculos pola Saúde

02/10/2014 A concelleira de Deportes, María José Corral, presentou a I Carreira de Obstáculos pola Saúde, que se celebrará na Alameda o domingo 5 de outubro. O Concello colabora con esta proba, organizada polo Grupo de Saúde Pública da Asociación de Estudantes de Medicina ME.I.GA.

O obxectivo desta I Carreira de Obstáculos pola Saúde é concienciar á poboación sobre os bos hábitos de saúde e os riscos resultantes da falta dunha vida saudable. Combinaranse probas que farán mención ás enfermidades máis incidentes na poboación actual. Así, os obstáculos emularán os efectos do tabaco, do colesterol/obesidade a través da dificultade de atravesar unha arteria aterosclerótica ou os efectos do alcohol sobre a coordinación motora.

A proba ten unha distancia de 4,550 metros, comezando e finalizando no parque da Alameda. Percorre distintas zonas verdes de Alameda, Campus Sur, Finca do Espiño, parque de Galeras e paseo do río Sarela.

Actividades complementarias
O proxecto inclúe actividades complementarias, con talleres informativos, medición de variables médicas como a glicemia, a tensión arterial ou o índice de masa corporal (IMC), así como na formación práctica en técnicas de reanimación
cardiopulmonar (RCP) e a promoción da vacinación, tratando de disipar todas as
dúbidas que existen actualmente ao respecto, dende un punto de vista científico e clínico.

A inscrición custa 2 euros, que se destinarán ao pagamento do seguro de accidentes e mortalidade. Para completar a inscrición é preciso enviar un correo electrónico a meigausc.lpo@gmail.com co nome, apelidos e DNI logo de mercar a entrada.

Os puntos de venda están repartidos pola cidade: El Corte Inglés, tendas 39 Segundos (rúa Amor Ruibal, baixo), Deportes Cibeira (rúa Santo Domingo da Calzada, 1) e Deportes Caneda (rúa da Fonte de Santo Antonio, 25). Tamén se venderán entradas na Facultade e no Aulario de Medicina e anunciarase a convocatoria no blog e no Facebook de ME.I.GA.

Direccións relacionadas



Compartir: