ALCALDÍA

O alcalde cualifica de "altamente satisfactorios" os orzamentos do Estado para Santiago de Compostela

01/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, amosouse satisfeito polas partidas destinadas a Santiago de Compostela nos orzamentos do Estado que se veñen de presentar. Cualificou de "altamente satisfactorios" estes orzamentos, nos que se "contemplan todos os proxectos solicitados polo Concello aos diferentes departamentos e nos que aparecen reflectidos todo os grandes proxectos que Compostela necesita".

Lembrou Agustín Hernández que se trata de partidas por 67,5 millóns de euros de investimento directo na nosa cidade en 2015, unha cifra notablemente superior á reflectida nos orzamentos de 2014, ano no que non se chegara aos 20 millóns de euros. A estes orzamentos sumou os 104 millóns de euros para proxectos como a autovía Santiago-Lugo (82,9 millóns) e o AVE, con incidencia directa na cidade.

Entrando na concreción dos orzamentos, o alcalde destacou que aparecen por primeira vez tres novos proxectos viarios: o acceso ao Polígono do Tambre, con 1,4 millóns de euros; e os enlaces da AP-9 coa autovía a Lavacolla-Lugo e coa Cidade da Cultura, con 3 millóns de euros cada un deles.

Ademais, contémplanse os investimentos necesarios para avanzar en dúas obras imprescindibles: a ampliación AP-9, con 42 millóns de euros extraorzamentarios, e o túnel de Conxo, con 4,5 millóns.

Outro investimento salientable son os 4 millóns de euros para as obras de mellora da EDAR da Silvouta, pero sobre todo, Agustín Hernández felicitouse pola consignación dos compromisos futuros, por máis de 55 millóns de euros, para a construción da nova EDAR.

En materia cultural, referiuse aos case 4,8 millóns para o Consorcio de Santiago e aos 450.000 euros para a restauración do Cimborrio da Catedral.

Finalmente, o alcalde valorou que "por primeira vez superamos a fase da maqueta e temos investimentos concretos para a estación intermodal", coa previsión de 200.000 euros en 2015 e 8,2 millóns para orzamentos futuros. Sobre esta infraestruturas, indicou que, en 2015, agarda pechar co Ministerio de Fomento "unha planificación concreta e realista para que a estación estea adaptada á chegada do AVE en 2018".

Compartir: