ALCALDÍA

O alcalde defende que "traballar polo benestar dos maiores significa traballar polo benestar do conxunto da nosa sociedade"

01/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, participou nos actos de celebración do Día do Maior, organizados pola Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos e celebrados no Colexio Maior San Agustín, e aos que tamén asistiu a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Os maiores de 65 anos son un colectivo que en Santiago suma máis de 18.000 persoas, o que equivale a un de cada cinco habitantes do municipio.

Agustín Hernández amosou o seu orgullo por participar nun acto que "pon en valor o papel fundamental que os maiores xogan na nosa sociedade", persoas ás que considerou "artífices dun Estado do Benestar que a todos nos pertence e que entre todos temos que conservar e manter".

"A nosa ten que seguir a ser unha sociedade baseada en valores universais como a solidariedade, o esforzo, o respecto ou a capacidade de superación", indicou o alcalde. Animou a fortalecer estes valores, que "nos fixeron avanzar e mellorar a calidade de vida", afirmando que nese labor tamén xogan un papel importante os representantes públicos.

Agustín Hernández defendeu "unhas políticas nas que o papel dos maiores non se pode restrinxir unicamente a valorar os importantes ensinos do pasado, senón que a súa achega é moi importante para o presente e para o futuro". "As persoas maiores teñen moito que dicir e deben participar en maior medida na sociedade", engadiu, reivindicando "os coñecementos adquiridos ao longo dos anos" como "valor permanente da nosa sociedade" e tamén como "inspiración para a actividade política".

"Traballar por aumentar o benestar dos maiores significa traballar polo benestar do conxunto da nosa sociedade", afirmou o rexedor local. No eido municipal, lembrou a existencia dunha liña de axudas e atención para os que o precisan; e a programación de actividades nos 43 centros sociais, do medio rural e da cidade, onde se desenvolven preto de 600 accións ao ano, moitas delas abertas ás persoas maiores.

O alcalde aproveitou a súa intervención para valorar tamén o "magnífico traballo" realizado na cidade por entidades como a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos", cos cursos que desenvolve ao longo do ano. A propósito disto, lembrou que foi en Santiago onde se iniciaron en Galicia, hai máis de 30 anos, as Aulas da Terceira Idade.

Compartir: