CINEMA

Retrospectiva galega en CurtoCircuíto

23/08/2006 Un novo xoves de proxeccións en CurtoCircuíto na Rúa. A Praza de Abastos será o escenario no que cinema e música se xunten unha vez máis a partir das 22:00 horas. Nesta ocasión farase unha retrospectiva dalgunhas das mellores curtametraxes galegas. A música corrrerá a cargo de Jordanairs.

Esta será a sexta proxección de cinema en curto na rúa. Polas actividades do certame xa teñen pasado preto de 3.000 espectacores. Os que asistan esta vez poderán visionar "O matachín", de Jorge Coira, "Isolina do Caurel", de Chema Gagino, "A mercería", de Marise Bronstel, "Inútil", de Paco Rañal, "O camiño das estrelas", de Chano Piñeiro, e "Globo", de Álex Valle.

No filme de Jorge Coira, Fran e Tuto van ao aeroporto a buscar a Lola, a moza de Fran, que vén con cocaína no estómago. En "Isolina do Caurel", un rapaz chega a un lugar remoto da serra para cumprir a promesa feita ao seu avó de pedirlle perdón a unha moza á que pedira en matrimonio. No filme "A mercería" Antonio, un home virxe de 30 anos, alérxico ao café e obsesivo, entra nunha mercería para mercar fío negro e descobre que, tras o sorriso das dúas velliñas que atenden, agóchase un turbio negocio de servizos sexuais.

"Inútil" é unha xeni2l curtametraxe de Paco Rañal, na que un estudante preguiceiro rouba un exame para poder dar o cambiazo, e para facer tempo durante a proba ponse a escribir a súa vida.

"O camiño das estrelas", do cineasta Chano Piñeiro, a quen se lle dedica unha xornada enteira de CurtoCircuíto na Rúa, conta a historia de amor entre un lobishome e unha serea, feita por encarga para o Xacobeo 93. E por último, en "Globo", Manuel Millán interpreta a un home atado nunha estraña estancia sen portas nin ventás, na que só hai un pequeno burato.

A noite abriraa Jordanairs, unha banda de dous que, de seguida, se converte nunha banda de tres ou de catro, segundo se van incorporando improvisados cantantes.

Compartir: