ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca que Compostela Gastronómica puxo en valor o Mercado de Abastos e os cociñeiros de Santiago

27/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, destacou que a primeira edición de Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, logrou poñer en valor tanto o Mercado de Abastos como os cociñeiros e restaurantes da cidade mediante un evento diferenciado, nacido en Santiago e para Santiago, sen repetir modelos alleos.

Agustín Hernández apuntou que o Mercado de Abastos é o centro neurálxico da gastronomía da cidade, onde se pode atopar o mellor produto de Galicia. Neste sentido, destacou que é o lugar idóneo para organizar un proxecto de promoción gastronómica da cidade e por iso Compostela Gastronómica desenvolveu a maior parte das súas actividades no propio Mercado, resaltando o vínculo existente entre produtores, praceiros e cociñeiros.

O alcalde fixo estas declaracións nunha visita a última xornada do Espazo Gastro, un evento lúdico dentro do programa de Compostela Gastronómica no que 15 restaurantes da cidade ofreceron as súas tapas a composteláns e visitantes en locais do Mercado de Abastos, compartindo naves cos seus provedores e con actuacións musicais en directo. Estas xornadas tiveron lugar de 12:00 a 15:00 horas para combinar o produto coa súa elaboración. En total, composteláns e turistas consumiron máis de 2.500 tapas nestes días.

Agustín Hernández lembrou que, durante nove días, a Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acolleu a 33 cociñeiros e expertos en gastronomía que ofreceron 30 charlas e obradoiros de cociña en directo onde os cociñeiros de Santiago tiveron un protagonismo especial. Estas actividades sumaron máis de 1.300 asistentes, un 30% máis do obxectivo marcado dende a organización, que se situaba en mil persoas. Trátase dun dato de participación que confirma o interese existente pola gastronomía da cidade.

Os cociñeiros de Santiago participantes foron Marcos Cerqueiro, José Antonio Brenlla, Iago Castrillón, Lucía Freitas, Siro González, Alberto Lareo, Manel Oliveira, Iago Pazos e Alén Tarrío. Tamén participaron nomes importantes da gastronomía galega como Héctor López, Flavio Morganti, Javier Olleros, Beatriz Sotelo e Luis Veira. Pero ademais houbo tamén presenza dalgúns dos nomes máis destacados do panorama gastronómico español actual como Antonio González, Diego Guerrero, Francis Paniego, Mario Sandoval e Firo Vázquez.

O alcalde tamén quixo lembrar a colaboración de Pepe Solla, cociñeiro referente da gastronomía galega, que non puido participar no evento por problemas de axenda, pero que colaborou con Compostela Gastronómica na presentación que se fixo en Madrid para os medios especializados o pasado 10 de setembro, e que serviu para dar a coñecer non só o evento senón tamén para promocionar a gastronomía da cidade.

Finalmente, o rexedor municipal tamén recordou que o luns desta semana o Mercado de Abastos e o Hostal dos Reis Católicos foron os protagonistas do programa Top Chef. O programa, que a produtora gravou en colaboración con Turismo de Santiago no pasado mes de maio, tivo unha audiencia de máis de dous millóns e medio de persoas.

Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia.

Compartir: