TURISMO

O Espazo Gastro e as algas, protagonistas da xornada en Compostela Gastronómica

25/09/2014 A xornada do xoves en Compostela Gastronómica veu marcada pola apertura do Espazo Gastro no Mercado de Abastos, un espazo no que algúns dos restaurantes que forman a ruta de Menús de Mercado ofrecen creativas propostas en formato tapa e media ración. Os establecementos presentes no Espazo Gastro xoves foron A Quinta da Auga, Garum, Quercus IP, Singulario, Resas, A Charca, O Ferro, O Curro da Parra, Café Candelas e Estrela Galicia. O Espazo Gastro habilitarase tamén o venres e o sábado, para que composteláns e visitantes podan vivir unha experiencia lúdica na que se combina produto, gastronomía e música.

O programa de actividades abriuse pola mañá cun obradoiro para un grupo da Asociacións de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual, Aspas Santiago, impartido por Kike Piñeiro e Rafael Brantuas na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, onde elaboraron tres pratos de cociña de mercado.

Xa pola tarde, Antonio Muíños ofrece ás 16:30 horas o obradoiro titulado Algas, a horta de mar do século XXI. O fundador da empresa Porto-Muíños, referente nacional na recolección, transformación e distribución de algas para o consumo humano, demostrará a importancia deste produto na cociña actual. Antonio Muíños é provedor de cociñeiros tan reputados como Ferrán Adriá, Juan Mari Arzak, Joan Roca, Pedro Subijana, Quique Dacosta ou Andoni Aduriz.

Ás 19:30 horas, o cociñeiro Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, ofrecerá un show cooking centrado na cociña galega á grella. Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense de Madrid e membro da Real Academia Galega de Gastronomía, participará tamén en Compostela Gastronómica falando sobre a protección xurídica das creacións culinarias. O legado vitivinícola do Camiño, a cargo de Xoan Cannas, do Instituto Galego do Viño, pecha a programación prevista para esta xornada.

Pola mañá, Vila de Cruces e Rois foron os protagonistas dun show cooking —sesión de cociña en directo e posterior degustación—dentro do escaparate gastronómico que dá a coñecer os produtos máis destacados dos concellos que forman Área Santiago. As cociñeiras Belén Castro e Ana María Tomé elaboraron distintas receitas a base de Galo de Curral, un dos produtos estrela de Vila de Cruces, que tamén ten gran protagonismo no Pino, e de Porco Celta, por parte do concello de Rois. Ademais, degustáronse viños da DOP Rías Baixas da Adega CastroBrey (Vila de Cruces).

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Direcciones relacionadas



Compartir: